Vilaboa creará unha rede de voluntariado ambiental
Por Redacción
"Vilaboa é natureza" é o nome do programa co que este Concello pretende afondar na concienciación ambiental adquirida pola veciñanza e por outra incidir na mellora do entornos naturais singulares no municipio que rexistran un profundo deterioro debido á falla de investimentos por parte das administracións competentes.
Para levar a cabo este programa o Concello ven de incorporar a súa plantilla municipal a un técnico en Medio Ambiente a través dunha axuda específica concedida pola Deputación de Pontevedra que facilita a contratación ata finais de ano.
O alcalde de Vilaboa, César Poza, mantivo xa unha primeira reunión organizativa co técnico municipal que terá entre os seus cometidos a redacción e execución do mencionado programa con actuacións concretas que inclúen a creación do Consello Local do Medio Ambiente e dunha rede de voluntariado ambiental municipal; un plan de erradicación de especies invasoras; a recuperación das ribeiras dos ríos; a sinalización e xeolocalización dos espazos naturais de interese; o desenvolvemento do programa de acción contra o cambio climático así como xestionar financiamento doutras administracións e dos programas europeos para levar a cabo as devanditas accións.
César Poza sinala que no municipio hai lugares de grande atractivo de natureza con "nulos investimentos por parte das administracións competentes nos últimos dez anos " e como consecuencia "vemos como o parque de Castiñeiras presenta un grave deterioro ou como as ribeiras dos ríos están contaminadas e os leitos nalgunhas zonas foron canalizados de xeito aberrante".
Segundo o alcalde "o Concello fixo importantes esforzos por revertir esta situación", e citou a posta en marcha do saneamento municipal, a sinalización e divulgación de espazos naturais, a organización de campañas de concienciación ambiental "e a loita practicamente en solitario contra as especies invasoras como a velutina", pero agora, insiste, é necesario planificar unha política ambiental específica.