Joan Clos: "Tense falado moito do caso de Pontevedra, pero aínda se falará moito máis"
Por Redacción
O ex alcalde de Barcelona e ex director executivo de ONU-Habitat, Joan Clos, referiuse este xoves a Pontevedra como "un exemplo feito a contracorrente" e unha nova forma de urbanismo que "pode funcionar e funcionar mellor que o tradicional".
Joan Clos realizou estas declaracións este xoves no marco do foro 'The Urban Agora', unha plataforma sen ánimo de lucro liderada polo propio Clos, durante unha conversa co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.
Na súa intervención, o ex alcalde de Barcelona destacou que as reformas urbanas implantadas na cidade supoñen un custo económico importante para as arcas municipais de Pontevedra, que é un dos concellos do Estado que maior porcentaxe destina a investimento, arredor do 16%, cando a media dos municipios españois é do 8 ao 10%.
A modo de despedida, destacaou que "a experiencia de Pontevedra é única e recoméndovos unha atención especial". "Tense falado moito do caso de Pontevedra, pero aínda se falará moito máis del", sostivo.
Lores e Clos conversaron, segundo a información facilitada polo Concello de Pontevedra, sobre "un dos temas máis admirables en materia de urbanismo: a transformación urbana que se ten dado na cidade galega de Pontevedra nos últimos anos. O obxectivo? Camiñar cara a sustentabilidade".
Mantiveron unha conversa de case hora e media na que a empresa de comunicación Atrevia, esponsor do evento, presentou aos dous como "dous alcaldes, dous médicos, dous amigos", e falaron sobre o modelo de Pontevedra dende o punto de vista práctico.
Entre outros asuntos, falaron das velocidades 30 km/h e lembraron que Pontevedra foi pioneira en todo o Estado. Tamén se puxeron sobre a mesa as zonas de estacionamento de 15 minutos, os pasos sobreelevados ou 'lombos', as plataformas únicas, o incremento da poboación ou o comercio local.
Ademais, abordaron novos retos de futuro como a compostaxe e o tratamento dos residuos municipais e Lores destacou que cría na política en maiúsculas, pois "a política está para cambiar as cousas". Tamén puxo sobre a mesa a "confianza en que somos capaces de facelo, o que sube moito a autoestima, porque non somos mellores que ninguén, pero tampouco peores".
A Plataforma The Urban Agora pretende xerar sinerxías e sumar esforzos entre todos os actores públicos e privados que traballen no desenvolvemento urbano sostible no marco da nova Axenda Urbana e dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) das Nacións Unidas e acadar cidades máis inclusivas, seguras, resilientes e sostibles.
O encontro co Concello de Pontevedra foi o segundo que programa The Urban Agora, tras o mantido con María Buhigas, urbanista e arquitecta, e Mark Nieuwenhuijsen, investigador do IS Global e presidente da Sociedade Internacional de Epidemioloxía Ambiental, que falaron sobre a transformación das cidades despois da pandemia.
Relacionadas:
-
"Reducir o tráfico é o único que pode lograr un gran impacto para que as cidades sexan mellores"
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra participa no debate de reducción de emisións do transporte de mercadorías nas cidades
Por Redacción |
-
"Reducir drasticamente o vehículo privado", receita de Lores en Madrid para mellorar as cidades
Por Redacción |