Enquisas na primeira quincena de xuño para coñecer hábitos de mobilidade e perfilar o transporte a demanda
Por Anxo Lourido
Na primeira quincena do mes de xuño comezará a desenvolverse un estudo de campo para analizar o tráfico entre a cidade e as parroquias do municipio. Este xoves, o concelleiro de Mobilidade Demetrio Gómez, acompañado pola representante da empresa Seteoitavas María Ríos, presentaba esta iniciativa para recoller datos que axuden á posta en marcha do sistema de transporte a demanda.
As accións que van levarse a cabo serán as seguintes:
- Realizarase un inventario da ocupación dos aparcamentos disuasorios. Técnicos, con identificación da UTE que realiza o traballo, comprobarán matrículas para saber que vehículos fan uso destes espazos. Demetrio Gómez pedía á poboación que non se asuste se observa que hai persoas apuntando matrículas porque forma parte deste estudo.
- Tamén se porá en marcha un control dos vehículos que circulan por Pontevedra. Crearanse 17 puntos automáticos e 10 direccionais, que estarán en funcionamento durante dous días, para coñecer en que sentidos se circula.
- Persoal da UTE fará entrevistas a persoas que conduzan polo municipio. Está previsto que 500 persoas sexan paradas por axentes da Policía Local que estarán acompañados polos técnicos para realizar preguntas, durante ao redor de cinco minutos, sobre a circulación que realizan.
- Realizaranse mil enquisas telefónicas a persoas residentes nas parroquias, que supoñen unha porcentaxe de case o 20% das vivendas. As preguntas durarán ao redor de 10 minutos e centraranse en zonas de desprazamento, horarios, motivos e medios de transporte que se utilizan. Os únicos datos persoais que se solicitarán por parte do persoal identificado será o xénero, a idade e o nivel aproximado de ingresos económicos para definir os perfís dos usuarios.
- Tamén van facerse enquisas en puntos atractores de mobilidade. Os puntos escollidos son o centro de saúde de Lérez, o centro de saúde da Parda, a Casa do Mar, o Concello, o edificio da Xunta de Galicia en Campolongo e a estación de autobuses.
María Ríos e Demetrio Gómez indicaron que, con estes traballos, se quere obter unha fotografía da mobilidade estudando o tipo de transporte que se utiliza e en que condicións se empregaría o transporte a demanda, para que despois se poidan dar novos pasos cun período de proba deste sistema escollido polo Concello de Pontevedra en acordo coa Xunta de Galicia para establecer sistemas de transporte público entre as parroquias e o centro urbano.
O concelleiro de Mobilidade solicitou a colaboración cidadá para que o estudo resulte eficaz.
Relacionadas:
-
O transporte a demanda será o "coche de punto" e iniciará as súas probas o 31 de xaneiro
Por Alejandro Espiño |
-
Primeiros pasos da plataforma que xestionará o transporte a demanda en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
A plataforma de transporte compartido a demanda funcionará a finais de 2022 para dar servizo ao rural
Por Redacción |
-
O estudo para o transporte a demanda en Pontevedra estará feito a finais de 2021
Por Alejandro Espiño |