"Reducir drasticamente o vehículo privado", receita de Lores en Madrid para mellorar as cidades
Por Redacción
Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, participaba este mércores no Museo Reina Sofía de Madrid nunha mesa redonda co título 'Moverse nas novas cidades sostibles'. No encontro participaba Pedro Saura, secretario de Estado de Transportes; Eduardo Ferreiro, director de operacións de Correos; Julia López Ventura, representante para Europa do C40; e Cani Fernández, presidenta da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia.
A cita organizada por elDiario.es serviu para que o máximo representante municipal expuxese o modelo de cidade de Pontevedra e alertase de que a solución para mellorar a sustentabilidade nas cidades atópase en "reducir drasticamente o vehículo privado". Sinalou que esta fórmula evitou que a cidade continuase sendo un "almacén de coches" e un "botafumeiro de polución".
Fernández Lores afirmou que os Concellos que levan moitos anos creando zonas de baixas emisións na práctica non están dispostos a que agora os criterios para os fondos Next Generation estean vencellados só ao coche eléctrico e considera que hai que incluír medidas que reduzan realmente as emisións contaminantes.
Indicou que, a día de hoxe, Pontevedra cumpre nun 99,9% as directrices da Organización Mundial da Saúde en calidade de aire, ademais de contar con outras vantaxes como a mellora da accesibilidade, a promoción da autonomía dos menores grazas á seguridade viaria e a diminución do dano ambiental que se fai ao planeta.
O secretario de Estado de Transportes, Pedro Saura, destacou a importancia que os máximos dirixentes municipais teñen no ámbito da mobilidade. Durante esta mesa redonda tamén se tratou o futuro do transporte público e do tren de proximidade e da alta velocidade en xeral.
MODELO PONTEVEDRA EN VALENCIA
O concelleiro de Mobilidade, César Mosquera, e a concelleira de Protección Cidadá, Eva Vilaverde, tamén participaban na mañá deste mércores na primeira das denominadas "mesas de reconstrución", que organiza a Fundació Horta Sud.
Este encontro desenvólvese en Picanya, en Valencia, e durante a xornada analízanse iniciativas que sirvan de exemplo para ofrecer solucións aos problemas de mobilidade e de seguridade que se detectan na comarca valenciana de Horta Sud, integrada por unha decena de municipios e unha pedanía.
Os dous representantes municipais presentaron o Modelo Pontevedra coa eliminación de tráficos innecesarios e medidas de acougado do tráfico para garantir a seguridade viaria.
Giuseppe Grezzi, concelleiro de Mobilidade do Concello de Valencia, indicou que neste municipio tamén se fixaron no concepto do modelo pontevedrés para realizar accións orientadas a gañar máis espazo para os peóns e reducir a velocidade do tráfico
Relacionadas:
-
Toda a "cidade compacta" será zona de baixas emisións antes de 2023
Por Alejandro Espiño |
-
"Reducir o tráfico é o único que pode lograr un gran impacto para que as cidades sexan mellores"
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra participa no debate de reducción de emisións do transporte de mercadorías nas cidades
Por Redacción |
-
Joan Clos: "Tense falado moito do caso de Pontevedra, pero aínda se falará moito máis"
Por Redacción |
-
Madrid, Barcelona e Valencia, próximas paradas para dar a coñecer o "modelo de cidade"
Por Redacción |