Caldas de Reis e a cidade lusa de Vizela seguen estreitando lazos de amizade
Por Redacción
O Concello de Caldas de Reis recibiu este mércores a visita do vereador da cidade portuguesa de Vizela, Jorge Pedrosa, que veu acompañado do técnico de Turismo da Cámara Municipal, Jorge Coelho. O acto enmárcase dentro das relacións institucionais de irmandamento que manteñen Caldas de Reis, a rexión Colombiana de Caldas a onde pertence a cidade de Villamaría e a vila portuguesa de Caldas de Vizela.
A visita permite seguir estreitando as relacións de amizade e irmandamento entre as partes ao tempo que serve para avanzar na apertura de novas oportunidades interterritoriais do ámbito sociocultural e económico.
No encontro se puxeron sobre a mesa as posibilidades que se abren ao abeiro dos fondos europeos e falouse sobre o próximo congreso iberoamericano de Termalismo que se celebrará en novembro en Villamaría.
Doutra banda, a visita dos representantes de Vizela tamén tivo un compoñente solidario pois serviu para facer entrega de 15.000 máscaras que agora serán enviadas desde Caldas de Reis a Villamaría. Esta nova entrega súmase ás xa realizadas en períodos anteriores da pandemia de coronavirus e fai que en total sexan xa máis de 22.000 as máscara enviadas a Colombia.
O goberno municipal, encabezado polo alcalde, Juan Manuel Rey, brindoulle a Pedrosa e a Coelho unha recepción oficial no salón de plenos do concello. O rexedor destacou que tanto Vizela como Caldas de Reis "somos Concellos pequenos pero solidarios, porque un irmandamento é moito máis ca ser amigos cando o vento sopra a favor; e é nos malos momentos cando hai que estar máis unidos".
Polo seu lado, Jorge Pedrosa mostrouse satisfeito con esta visita e co recibimento, manifestando que "é un pracer estar en Caldas e continuar estreitando esta relación de amizade e irmandamento que mantemos, Villamaría, Caldas e Vizela". Así mesmo destacou a unidade existente entre os tres municipios e a oportunidade de poder traballar en conxunto para axudar a outros territorios nesta situación pandémica.