Haberá cribados en Moraña o xoves e venres ante a aparición de novos casos activos
Por Redacción
A detección durante os últimos días de novos casos activos de covid-19 en Moraña provocou que o alcalde José Cela contactase co xerente da área sanitaria José Ramón Gómez para solicitarlle un cribado.
Nas últimas horas confirmábase a aceptación por parte do xerente para levar a cabo estas probas entre a poboación de Moraña esta mesma semana.
A intención deste cribado é detectar posibles casos asintomáticos entre persoas con idades comprendidas entre os 15 e os 29 anos e na franxa entre os 40 e os 49. Desta forma quérese evitar posibles transmisións do virus de persoas que se atopen infectadas pero sen presentar síntomas nin ter coñecemento da enfermidade.
Os días marcados para as probas son o xoves 20 e o venres 21 de maio no pavillón municipal de deportes de Moraña en horario de 15.30 a 20.30 horas. A previsión do Sergas é citar a 996 persoas mediante vía SMS. Desde a alcaldía faise un chamamento para que acudan todas as persoas citadas para o cribado co obxectivo de frear o avance da enfermidade no municipio.
Tamén está previsto un cribado durante a mañá do xoves entre a comunidade educativa e escolar do CEIP Santa Lucía de Moraña. Todas as mostras tomadas con PCR analizaranse no servizo de Microbioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e os resultados negativos serán comunicados por SMS mentres que os positivos trasladaranse de maneira individualizada por parte do Sergas.
A XUNTANZA DO COMITÉ CLÍNICO, MAÑÁ
A Consellería de Sanidade, pola súa banda, pospuxo a reunión do comité clínico prevista para hoxe e trasladouna á xornada do xoves coa intención de analizar a situación epidemiolóxica precisamente de oncellos que, agora mesmo, requiren unha especial atención como é o caso de Moraña, Ponte Caldelas, Lobios, A Pobra do Caramiñal, Cee, O Barco de Valdeorras e Mos.
Segundo a evolución dos datos, estudarase o incremento do nivel de restricións nestes municipios.