O conselleiro de Educación afirma que a LOMCE equipara os estudos da Escola de Restauración co Grao universitario
Por Redacción
O conselleiro de Educación e Cultura, Xesús Vázquez, nunha comparecencia en Vigo, rexeitou que a Xunta vaia permitir que a Escola de Restauración e Conservación de Pontevedra se adscriba á Universidade de Vigo como están a reclamar alumnos e profesores do centro durante as últimas semanas.
Vázquez indicou que na futura lei de educación, a LOMCE, as titulación que se obtén actualmente nas Escolas Superiores "aparecen como equivalentes con todas as circunstancias a calquera Grao. Así que calquera alumno que estude nunha Escola Superior de Restauración, de Deseño, nun Conservatorio ou nunha Escola de Arte Dramático, está equiparado a un Grao. Polo tanto, a Xunta tén os seus estudos e non vai renunciar aos seus estudos". O conselleiro sinalou que "non entendo por que un grupo pode estar buscando confusión entre o alumnado".
Lamentou tamén as acusacións realizadas polos estudantes que din ter sufrido un engano ao matricularse: "Creo que a Xunta apostou por estas titulacións. Este ano en cuarto curso hai 40 ou máis matriculados a maiores. Os alumnos e os profesores entraron cunha serie de circunstancias coñecidas por todo o mundo: as escolas superiores son titularidade da Consellería correspondente, neste caso, a de Educación. Por tanto non houbo engano por parte da Consellería, por iso non entendemos que pode haber detrás ou deberían xustificar que movementos pode haber detrás. Porque ademais dar outro tipo de pasos podería provocar un dano moito maior incluso a todo o profesorado porque se a pretensión fose que pasase a depender da Universidade de Vigo dentro da Facultade de Belas Artes, todo o profesorado podería desaparecer. Non hai en España un centro que forme parte dunha Consejería que estea adscrito á Universidade"
Segundo explicou o conselleiro o feito de que a maioría dos docentes do centro sexa interino podería levar consigo a expulsión de todo o profesorado actual do sistema educativo. Insistiu en que "o alumnado está amparado. Teñen equivalencia total" e remarcou que mesmo se incrementara o profesorado dentro da Escola de Restauración co obxectivo de manter o bo nivel dos estudantes.
PROTESTA DOS ESTUDANTES
Durante este mediodía, os alumnos co director da Escola de Restauración á fronte realizaron unha 'sentada' na Praza da Peregrina facendo sonar cazolas para reivindicar da Consellería que facilite o paso do centro á Universidade.
Para este xoves está previsto que os estudantes continúen coas súas protestas e, ao mediodía, trasladarán unha clase dunha das súas materias á Alameda coa participación do alcalde de Pontevedra.
Relacionadas:
-
Dimite a dirección da Escola de Restauración ante as dúbidas sobre o futuro do centro
Por Redacción |
-
A Escola de Restauración inicia unha "marcha imparable" ata Santiago
Por Redacción |
-
Cadea humana dos alumnos da Escola de Restauración polo centro histórico
Por Anxo Lourido & Mónica Patxot |
-
Restauración acusa de "demagoxia" ao conselleiro de Educación
Por Mónica Patxot & Natalia Puga |
-
Dimite o Consello Escolar da Escola de Restauración
Por Redacción |
-
A Escola da Restauración saca á rúa o seu conflito
Por Oskar Viéitez |