Cuntis promove a reactivación turística do municipio
Por Redacción
O Concello de Cuntis vén de estrear unha nova campaña turística que ten como elemento fundamental un spot que baixo o título "Cuntis, un baño de historia, un baño de vida", destaca e pon en valor os principais atractivos turísticos do municipio co fin de impulsar a reactivación turística tras a pandemia e favorecer a dinamización económica e social.
O traballo foi realizado pola empresa local Ukaná Fims coa narración de Ruth Pazo e versións en galego, castelán e inglés. O spot, foi publicado en redes sociais onde tivo unha enorme acollida e pronto se fixo viral. Así mesmo, será presentado en FITUR.
A peza audiovisual ten unha duración dun minuto e realiza unha narración, dinámica, atractiva e amable, mostrando "que hai un lugar en Galicia chamado Cuntis, un lugar máxico e cheo de lendas que só descubrirás se o visitas". O vídeo discorre por espazos naturais como os ríos Umia e Gallo, bosques atlanticos, rutas de sendeirismo e elementos históricos e patrimoniais como a Vía Mariana, a Ponte de Nieto, a igrexa de Santa María e o casco antigo da localidade.
Tamén promociona outros recursos como son os vestixios arqueolóxicos do Castro de Castrolandín e as súas cerámicas, os parques de petróglifos e, por suposto, as augas termais que son un dos máis importantes atractivos do concello e de toda a comarca.
O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, mostrouse moi satisfeito con este traballo e destacou a súa magnífica acollida. "É un spot que funciona moi ben en redes sociais grazas ao seu dinamismo combinado cun discurso narrativo audiovisual que atrae a atención e seduce o espectador".
"Con este proxecto", indicou, "desde o goberno municipal queremos reafirmar a nosa aposta polo turismo de interior como elemento fundamental para a recuperación económica tras a pandemia e nesta liña seguiremos traballando". O alcalde lembra que "en Cuntis temos uns recursos turísticos envexables, grazas ao noso medio natural, o prolífico patrimonio histórico e cultural e as nosas augas termais, que fan do noso municipio un territorio cun potencial para atraer visitantes moi importante".
"O turismo sostible e de calidade ao amparo destes elementos ten que ser unha patas principais para a dinamización económica de Cuntis tras a pandemia e niso redobraremos esforzos", indicou o rexedor.
Relacionadas:
-
Un Plan Director para protexer o casco histórico de Cuntis e marcar a súa folla de ruta futura
Por Redacción |
-
Campos e Baltar manteñen un encontro para impulsar as vilas termais
Por Redacción |
-
O Concello de Cuntis e Cucova asinan un convenio para reactivar o comercio local
Por Redacción |
-
Feijóo reivindica a Galicia en Fitur como "uno de los destinos más seguros del mundo"
Por Oskar Viéitez |
-
Un lugar en Galicia chamado Cuntis: un vídeo para promocionar a vila termal
Por Redacción |