Pontevedra participará con stand propio en Expocidades, a mostra turística do Eixo Atlántico
Por Redacción
O potencial turístico de Pontevedra estará moi presente en Lugo nos próximos días. A cidade montará un stand propio en Expocidades, a mostra do turismo das cidades do Eixo Atlántico. Nel ofrecerase unha completa información sobre os recursos culturais, patrimoniais e de lecer de Pontevedra, cumprindo así o obxectivo estratéxico de promocionarse en Galicia e en comunidades próximas ou que tradicionalmente emiten turistas cara as Rías Baixas.
Expocidades celébrase entre este xoves e o domingo. Coincide coas festas de San Froilán. O recinto feiral estará situado na praza do Seminario Menor. Será o gran escaparate da potencia turística das cidades do Eixo Atlántico. Un espazo de difusión, pero tamén de participación, con actividades ligadas ao turismo e á rica cultura popular e gastronómica; un punto de encontro para apreciar a riqueza gastronómica da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
A concelleira de Turismo, Carlota Román, considera que Pontevedra "está a traballar para converterse nun destino cada vez máis coñecido" e pode acudir a Expocidades "coa seguridade de contar xa cun perfil propio e distintivo".
Expocidades naceu como unha microfeira de turismo no seo da I Capital Cultural do Eixo Atlántico na cidade portuguesa de Vila Nova de Gaia. Despois do éxito obtido, o Eixo decidiu seguir organizando este evento, que agora chega a Lugo.