O Concello e Asociación Galega de Deseño colaboran na renovación da imaxe corporativa municipal
Por Redacción
A Asociación Galega de Deseño (DAG), que agrupa aos deseñadores gráficos e industriais de toda Galicia, participará no proceso de renovación da imaxe corporativa municipal. Anunciouno este martes a portavoz do Goberno, Anabel Gulías, quen asegurou que espera manter a colaboración coa DAG de cara a futuras convocatorias e contratacións "nas que nos poidan axudar a buscar eses criterios técnicos que definen mellor os concursos públicos en materia de creatividade".
Anabel Gulías explicou que foi a propia DAG a que se puxo en contacto co Concello para felicitalo pola convocatoria para a renovación da imaxe corporativa e para propoñer algunhas achegas técnicas ao borrador que a portavoz fixera público hai dúas semanas.
Desde ese primeiro contacto, segundo informou Anabel Gulías "afináronse aínda máis algúns criterios técnicos" e incluíronse algunhas modificacións, entre as que citou a composición do xurado avaliador das propostas, e que incluirá dous membros da DAG.
A previsión do Concello é que as bases definitivas se publiquen nos vindeiros días, tras introducir estes axustes técnicos.
Anabel Gulías lembrou que o principal obxectivo da renovación da imaxe corporativa do Concello é reflectir a actual Pontevedra creativa e de vangarda, substituíndo o logotipo que se vén usando desde fai preto de 20 anos, e que é unha adaptación do escudo oficial da cidade.
Relacionadas:
-
Os interesados en deseñar a nova imaxe do Concello poden presentar traballos ata o 2 de xullo
Por Redacción |
-
Catro expertos asesorarán na escolla da nova imaxe corporativa do Concello de Pontevedra
Por Redacción |
-
O Concello de Pontevedra avanza na procura da súa nova imaxe corporativa
Por Redacción |
-
Haberá un cambio de imaxe corporativa do Concello para amosar o dinamismo e a proxección internacional de Pontevedra
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |