A afiliación á Seguridade Social, en niveis pre pandemia en Pontevedra
Por Natalia Puga
A afiliación á Seguridade Social e a recadación por esta vía presenta na actualidade niveles similares aos de antes da pandemia da covid-19. Os ERTE e Es que proliferaron desde o primeiro estado de alarma contiveron os despedimentos e mantiveron as cifras de afiliados de tal forma que na provincia de Pontevedra mesmo creceu lixeiramente.
O director provincial da Tesourería Xeral da Seguridade Social en Pontevedra, Juan Herrera, explicou este martes, durante comparecencia conxunta coa subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, que as cifras se manteñen "en termos similares" a antes da pandemia e que é imposible prever cal será o comportamento unha vez que se terminen as prórrogas dos Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) aprobadas polo Goberno para facer fronte á crise derivada da covid-19.
"Non se sabe", asegurou sobre calquera posible previsión do impacto do fin dos ERTE. Sobre este mecanismo, asegura que "serviu de moito" e tanto el como Maica Larriba quixeron poñer en valor o traballo de todo o persoal funcionario que traballou no Servizo Público de Emprego Estatal ( SEPE) e a TGSS nesta crise.
Sobre as cifras, a recadación por cotizacións da Seguridade Social na provincia situouse en febreiro de 2021 en 180.968.000 millóns de euros, un 0,7% superior á de febreiro de 2020, o último mes enteiro previo á pandemia sobre o que se poden realizar comparacións.
Ademais, a afiliación de traballadores, xa con datos de abril de 2021, creceu un 3,75% con respecto a un ano antes, aínda que neste caso hai que ter en conta que en abril 2020 España estaba totalmente confinada pola covid-19 co primeiro estado de alarma. Con respecto a un mes antes, entre abril e marzo de 2021 a afiliación creceu un 0,89%.
En canto á inscrición de empresas no sistema da Seguridade Social, tamén con datos de abril, houbo 43.970, unha cifra que supón un crecemento do 1,97% con respecto a un ano antes, abril de 2020, e un 0,8% superior a un mes antes marzo de 2021.