O xulgado desestima a denuncia por acoso laboral dunha funcionaria do Concello de Pontevedra
Por Oskar Viéitez
O Xulgado do Contencioso Administrativo número 2 de Pontevedra desestimou a denuncia interposta por unha funcionaria da administración local contra o Concello por un caso de acoso laboral.
A portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, informou este martes en rolda de prensa desta sentenza favorable ao Concello. A sentenza é firme e contra ela non cabe recurso.
Segundo destacou Anabel Gulías neste fallo xudicial de maneira "clara e concluínte" resólvese que non se acreditou por ningún medio que haxa ou que se producira no Concello de Pontevedra ningún suposto de acoso laboral.
A sentenza tamén sinala que este procedemento de responsabilidade patrimonial presentado pola funcionaria non é o instrumento máis adecuado para declarar a existencia deste suposto acoso laboral.
A educadora social demandante reclamaba uns 28.000 euros alegando que durante os anos que estivo a traballar sufrira un acoso laboral por un presunto baleirado de tarefas e polo inicio dunha campaña de desprestixio contra ela.
A demanda fora presentada por unha educadora social do Plan Municipal de Condutas Adictivas. Durante o xuízo prestaron declaración a actual concelleira de Persoal, Carmen Fouces e o anterior edil responsable desta área, Vicente Legísima.