'Pontevedra, plató de cinema' aumenta o seu orzamento para impulsar as rodaxes na provincia
Por Redacción
O programa de patrocinio e mecenado da Deputación Provincial, 'Pontevedra, plató de cinema', terá este ano maior orzamento, un total de 90.000 euros, como apoio á rodaxe de producións audiovisuais na provincia.
O orzamento suporá 30.000 euros máis que na edición anterior, tal e como aprobou a Xunta de Goberno da Deputación na súa última reunión.
A Deputación defende que a provincia de Pontevedra está chea de recunchos que ben poden ser o escenario das películas máis vistas nos cinemas de todo o mundo e destaca o potencial da provincia e a importancia de apoiar ao sector audiovisual.
Os proxectos audiovisuais ou obras de animación que queiran acceder a estas achegas deberán ser en galego, estar desenvolvidos por entidades privadas e mellorar a visibilidade e notoriedade da provincia situando na provincia de Pontevedra, polo menos, un 50% do total dos seus escenarios. As longametraxes que cumpran estes requisitos poderán obter unha axuda cun importe máximo de 15.000 euros e as curtametraxes poderán chegar a obter 3.500 euros.
'Pontevedra, plató de cinema' patrocinou na súa primeira edición 'Nación', de Margarida Ledo, que xa obtivo premios á Mellor dirección no Festival de Cine de Sevilla 2020 e ao Mellor documental nos Mestre Mateo 2021, e '9 Fugas', de Fon Cortizo, que se alzou co Premio Mestre Mateo á Mellor Música Orixinal ademais de obter o Premio á mellor película na sección Retueyos do Festival Internacional de Cine de Xixón.
Ademais, patrocinou 'Negro Púrpura', Adriana P. Villanueva e Sabela Iglesias, e 'Devolvendo o Golpe', de Carlos Prado.
Relacionadas:
-
A Escola de Igualdade María Vinyals abordará o papel das mulleres na administración pública do futuro
Por Oskar Viéitez |
-
O cine de Pontevedra estrea "Nación", a película de Margarita Ledo sobre as mulleres da Pontesa
Por Alejandro Espiño |
-
'Nación', a película sobre as mulleres que loitaron contra o peche de Pontesa, chegará ás salas comerciais en marzo
Por Redacción |