O Tik Tok de ‘A memoria das mulleres’ sae en defensa da lingua galega
Por Redacción
A tiktoker Leti Da Taberna sae este 17 de maio, Día das Letras Galegas, en defensa da lingua galega a través dunha publicación promovida polo programa do Concello de Pontevedra 'A memoria das mulleres' na que ironiza sobre tópicos e escusas habituais para rexeitar o uso do idioma galego.
A publicación é a segunda das oito pezas que se publicarán ata final de ano co obxecto de difundir a historia e a traxectoria de destacadas mulleres pontevedresas entre o público máis novo, nunha iniciativa promovida desde a Concellaría de Memoria Histórica, que xestiona Xaquín Moreda.
Leti Da Taberna aproveita a historia da escritora e profesora María Victoria Moreno, que a pesares de nacer en Estremadura, desenvolveu toda a súa obra en galego durante a súa vida en Pontevedra, e que tamén foi homenaxeada pola Real Academia Galega neste Día das Letras Galegas.
Nesta iniciativa están a participar tres coñecidas tiktokers galegas, Laura Franco (@laurafranco111), Leti da Taberna (@letidataberna_) e María Rúa (@pradoura), que ata final de ano publicarán un total de 8 vídeos nas súas contas de Tik Tok.
O primeiro vídeo xa se publicou en abril e tiña como protagonista a Virxinia Pereira e a rúa que o Concello lle dedicou na cidade, vista a través da ollada retranqueira de Laura Franco. No mes de xuño, será María Rúa a encargada de achegar a súa primeira peza sobre algunha das figuras incluídas en ‘A memoria das mulleres’.
A idea desta iniciativa é promover a difusión da loita antifascista das mulleres e a traxectoria de destacadas pontevedresas entre o público máis novo e utilizando as plataformas e recursos propios da mocidade actual. Se ben o obxectivo xeral é o de dar a coñecer as figuras femininas máis sobranceiras da historia da cidade, as tiktokers tamén tratan de contextualizalas a través de temas máis amplos e representativos.
Relacionadas:
-
"A maioría de rúas teñen nome de homes. En Pontevedra isto está mudando"
Por Redacción |
-
O 'drama da draga', nova historia de "A memoria das mulleres" en TikTok
Por Redacción |
-
A loita polo Pazo de Meirás chega a Tik Tok a través de 'A memoria das mulleres'
Por Redacción |
-
Novo vídeo de 'A Memoria das Mulleres' en Tik Tok corrixindo erros históricos: "lerchas non, eran loitadoras"
Por Anxo Lourido |
-
E se as cousas non foron como nos contaron?
Por Alejandro Espiño |
-
"Aínda vai ser Castelao o home de Virxinia Pereira. Ubiquémonos", así se reivindica a Memoria das Mulleres en Tik Tok
Por Anxo Lourido |