Born to be Lores
Por Redacción
Vestido con traxe e gravata, pero cun complemento pouco habitual, un casco, e a bordo dun vehículo de todo menos oficial, unha Scooter. ÿ o alcalde de Pontevedra e o seu novo medio de transporte. O desenvolto que se lle ve sobre dúas rodas fai rememorar a canción que se converteu en referencia do heavy metal. Born to be wild podería versionarse en Pontevedra como Born to be Lores.
Miguel Anxo Fernández Lores usa de forma esporádica a súa motocicleta Yamaha modelo Artistic Spec Jog, que ten dende fai xa máis de 20 anos, pero este mércores tivo que recorrer a ela para lograr cumprir coa súa axenda oficial. Todos os actos e visitas que tiña ao longo da mañá deixábanlle pouco marxe para desprazarse ata o centro sociocultural de Novacaixagalicia e asistir á celebración do Día da Policía.
Colleu a súa moto, púxose o casco que habitualmente utiliza a súa muller e presentouse no acto. Lores aparcou nun lateral e entrou alleo á expectación xerada. Dentro, convertérase xa en tema central de moitas rodas.
A Yamaha leva co alcalde dúas décadas e aínda que non a utiliza con moita frecuencia, destaca que "é unha marabilla", tanto a liberdade de movemento que lle dá coma a forma en que abarata os seus desprazamentos. "Isto non consume nada e con tres euros e medio enches o depósito", relatou este mércores cando volveu subir á súa motocicleta modelo Scooter para irse para a casa. Detrás, os veciños comentaban: "Anda, si es el alcalde motorista".