Os aspirantes a policía local en Galicia póñense a proba en Pontevedra
O proceso para cubrir 104 prazas de auxiliares de Policía Local en 27 concellos, entre eles Poio, Sanxenxo, O Grove, Cambados, Meaño, Vilagarcía e Vilanova, arrancou este sábado en Pontevedra. Fíxoo coas probas físicas ás que se someteron os 852 aspirantes.
Desde primeira hora da mañá, o Centro Galego de Tecnificación Deportiva foi o escenario destas probas que, debido ao protocolo pola covid-19, desenvólvense por quendas e en dous días diferenciados.
De feito, para poder participar nesta selección os aspirantes debían presentar unha PCR ou un test de antíxenos negativo, realizado nos últimos tres días, e un informe médico que acreditase que estaban en condicións de someterse a este esixente proceso.
As probas físicas consistiron, entre outras, na comprobación da estatura dos aspirantes, a medición da potencia do tren inferior cunha proba de salto vertical e da súa resistencia, mediante unha carreira polas pistas de atletismo do CGTD.
Os que superen estas probas deberán someterse, a partir do próximo 21 de maio, ao exame teórico e a un test de coñecemento da lingua galega.
Estas oposicións son centralizadas pola Xunta de Galicia a través da Academia Galega de Seguridade Pública, onde os elixidos terán que pasar un curso de formación obrigatorio antes de poder elixir destino e ser contratados polos concellos.
En concreto, Sanxenxo contratará 30 novos auxiliares, para Vilagarcía e O Grove serán oito e Poio incorporará catro. Vilanova (2), Cambados (2) e Meaño (1) completan a lista de municipios da área de Pontevedra que solicitaron estas oposicións.