Dez voluntarios participan no programa para limpar e manter a illa de Ons
Por Redacción
Esta fin de semana comeza o programa de voluntariado ambiental na Illa de Ons. Un total de dez personas participarán ata o domingo en actividades ao aire libre e baixo a supervisión e dirección dos técnicos do propio Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia.
Impulsado polas consellerías de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e de Política Social, dende o venres ata o domingo os voluntarios participarán na eliminación de especies alóctonas, como a acacia ou as calas (especies vexetais invasoras presentes na illa); a limpeza das praias de Liñeiros e Cova de Vella e dos sistemas dunares de Melide e Canexol; a realización de tarefas de mantemento e adecuación de camiños e sinais; o apoio nas de tarefas de guía e información; ou a reforestación con especies autóctonas.
Esta é a primeira das dúas quendas de voluntariado que se desenvolverán en Ons no marco do novo programa, dando continuidade ao proxecto Lewo iniciado en 2017. A seguinte participación será do 14 ao 26 de setembro.
Así mesmo, está previsto que de aquí ao mes de outubro se realicen ao redor de vinte accións nesta iniciativa, que esgotou as 228 prazas dispoñibles en apenas tres horas e achegará aos participantes a dezaseis espazos naturais e recoñecidos de Galicia.