Convocadas 1.828 persoas para un cribado en Ponte Caldelas o domingo e o luns
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas contactou coa xerencia da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés para solicitar un cribado entre a veciñanza que permita detectar casos de persoas contaxiadas de covid-19, dado o aumento de positivos nos últimos días no municipio.
Neste momento, contabilízanse un total de 14 casos activos.
Unha vez que se autorizou o cribado por parte do Sergas, un total de 1.828 persoas serán avisadas para acudir á cita. O cribado terá lugar no pavillón municipal de Chan da Barcia o domingo 16 de maio e o luns 17 de maio, en horario de 9.00 a 14.00 horas e de 15.30 a 20.30 horas.
Están convocadas as persoas de entre 30 e 64 anos con tarxeta sanitaria activa en Ponte Caldelas, que recibirán un SMS co día e hora da cita.
O cribado farase en dúas xornadas que non son laborables para garantir que participa o maior número de persoas posible. Para axilizar as probas, traballarán dous equipos de enfermería.
No caso de que o resultado sexa positivo, a persoa en cuestión recibirá unha chamada telefónica coas instruccións que debe seguir. Neste sentido, desde o Concello infórmase de que as persoas que están confinadas na casa por seren positivas ou por estar en corentena por contactos estreitos non poden facer a proba.
"É moi importante que todos os convocados participemos nesta convocatoria, porque pode haber persoas asintomáticas que estean contaxiando sen sabelo e é o que queremos detectar. Por iso pido a todas as persoas que reciban o SMS para realizar o cribado que acudan á cita polo ben de todos os veciños de Ponte Caldelas", apunta o alcalde, Andrés Díaz.
O rexedor lembra que as tres farmacias de Ponte Caldelas ofrecen tamén a posibilidade de realizar o test de saliva gratuíto para as persoas de 12 a 64 anos. Por iso, Díaz manifesta que sería convinte que todos os que se atopan na franxa de 12 a 29 anos, e que non acceden ó cribado de Chan da Barcia, realicen a proba na farmacia para poder detectar o maior número de asintomáticos posible.
Relacionadas:
-
Falece unha muller de 72 anos por covid en Montecelo, vítima 176 na área sanitaria
Por Redacción |
-
Unhas tres mil personas de entre 40 e 79 anos, convocadas a un cribado preventivo en Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Sanidade fará un cribado masivo na poboación de 40 a 79 anos de Ponte Caldelas
Por Redacción |