As "caixas brancas" que promocionan Pontevedra xa están listas para Fitur
Por Redacción
Fátima, Alicia, Ángel, Maite e Froila. Son as persoas que crearon coas súas propias mans as primeiras dez "caixas brancas" que Pontevedra levará á Feira Internacional de Turismo (Fitur) para promocionar a cidade o próximo venres 21 de maio.
Conteñen o agasallo que recibirán os visitantes á feira que participen na xincana urbana virtual sobre a cidade: o libro 'Pontevedra de corazón', a camiseta coa marca cidade, un bolígrafo-usb que contén o vídeo da campaña, chapas conmemorativas e un chaveiro.
As caixas, que se están a elaborar no centro ocupacional que a Asociación Juan XXIII ten na rúa Eduardo Blanco Amor, son o resultado dun traballo "feito con profesionalidade, dedicación e moito cariño", segundo destacou a concelleira de Promoción económica, Yoya Blanco.
A edil socialista asegura estar "máis ilusionada que nunca" por levar o nome de Pontevedra a Fitur, xa que apunta que este é un ano "crucial" para o sector turístico, polo que a súa campaña promocional "tiña que ser moi potente".
Entre os pratos fortes que Pontevedra levará a Madrid atópanse o libro de destino 'Pontevedra de corazón', no que estamparon a súa sinatura recoñecidos xornalistas, escritores e deportistas da cidade, publicado en galego, castelán e inglés.
Os textos aparecen de xeito desordenado, de maneira que poidan lerse en función do azar e a paxinación, perseguindo un caos harmónico fronte a publicación dun libro convencional.
Alba Rodríguez Santos, Ana López, Alexander Vórtice, Álex Espiño, Belén López, Celestino Lores, Charo Castro, Diana López Varela, Eugenio Giráldez, Fina Casalderrey, Lydia Pérez Touriño, Liliana Casás, Mercedes Corbillón, Manel Loureiro, Manuel Jabois, María Varela, Miguel Anxo Fernández Lores, Pablo Dapena, Pablo Méndez, Rafa Cabeleira, Rafael López Torre, Rodrigo Cota, Rosanna López Salgueiro, Ramón Rozas, Serxio Barral, Serafín Alonso, Susana Fortes, Susana Pedreira, Xabi Fortes e Yoya Blanco son os seus autores.
O libro, que tamén inclúe textos descritivos dos recursos turísticos do municipio, complétase con noventa fotografías orixinais de Javier Cervera, Beatriz Císcar, Emi Ramírez, Gustavo Santos, Daniel Abollo, Gustavo Marshall, Emilio Suárez, Cristina Saiz e Guillermo González.
Ademais, Pontevedra exhibirá en Fitur o vídeo promocional 'O regreso dos seres extraordinarios', realizado por Fernando Portela e protagonizado polas personaxes de fantasía de Pablo Méndez Performances.
Relacionadas:
-
As redes sociais poñen de moda as fregonas que Xoán XXIII elabora para Froiz
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
A Deputación anima en Fitur a "recuperar a felicidade" visitando as Rías Baixas "un lugar que enamora"
Por Oskar Viéitez |
-
Feijóo reivindica a Galicia en Fitur como "uno de los destinos más seguros del mundo"
Por Oskar Viéitez |
-
Poio estará presente en FITUR
Por Redacción |
-
'É o teu momento', a campaña de experiencias únicas que Rías Baixas levará a Fitur
Por María José Pita |
-
Pontevedra regresará a Fitur como cidade vibrante e disposta a acoller o visitante
Por María José Pita |
-
Faunos entre mariscos e seres de fantasía pola cidade: impactantes imaxes para promocionar Pontevedra en Fitur
Por Cristina Saiz & Redacción |