O PP acudirá á Valedora do Pobo se a Deputación non lle deixa ver o expediente da estrada entre Tomeza e O Marco
Por Oskar Viéitez
O grupo provincial do Partido Popular volve a denunciar "a falta de transparencia e obstrución á información" do Goberno da Deputación de Pontevedra, despois da resposta que recibiu a deputada Pepa Pardo cando solicitou por rexistro acceso ao expediente do proxecto de reforma da estrada provincial EP-0002 entre Tomeza e O Marco, no concello de Pontevedra.
Segundo o PP a resposta di que este proxecto "será avaliado co goberno lexítimo de Pontevedra e farase público cando se considere oportuno".
Para Pardo, con esta resposta, "o goberno de Carmela Silva deixa claro que o de render contas e a transparencia a farán só cando o consideren oportuno", e recorda que pola súa condición de deputada provincial ten dereito a acceder a esta información e, ademais, "é o exercicio dun dereito fundamental que están limitando. Hai unha falta de transparencia absoluta" e lembra que a Deputación tamén lles negou o acceso á Cidade Infantil Príncipe Felipe e aos antigos edificios do Museo de Pontevedra, entre outras cuestións.
Os populares recordan que a negativa da presidenta a facilitar a información que solicitan os membros deste grupo político, "menoscaba o labor de control e fiscalización" que lle corresponde como grupo da oposición e anuncian que "o PP valorará denunciar a situación ante a Valedora do Pobo ou outras accións".
Relacionadas:
-
Tomeza mellorará a súa seguridade e mobilidade grazas á renovación integral da EP-0002
Por Redacción |
-
Pepa Pardo presidirá o Comité organizador do XVII Congreso do PP de Galicia que se celebrará en Pontevedra
Por Redacción |
-
O PP pide á Deputación que emende os puntos negros do Camiño ao seu paso por Tomeza
Por Redacción |