A 'Consulta Cidadá pola Educación' chega a Pontevedra
Por Redacción
A iniciativa da Plataforma Estatal pola Escola Pública denominada 'Consulta Cidadá pola Educación' chega a Pontevedra este mércores.
Segundo os responsables desta iniciativa con ela preténdese "recoller, de forma directa, a opinión da cidadanía e demostrar que na súa inmensa maioría rexeita tanto os recortes en materia educativa coma as políticas que os sustentan".
Argumentan dende a Federación de Asociacións de Nais e Pais de alumnos de Pontevedra (FAMPA-Pontevedra) que reformas como a LOMCE ou o Decreto de Bolsas "están a danar a educación pública implantando un sistema que, como no pasado, se basea na selección do alumnado para que o progreso nos estudos estea condicionado, con carácter xeral, ao nivel social e ás posibilidades económicas das súas familias, expulsando do sistema a toda persoa que non encaixa nun perfil prefixado por cuestións ideolóxicas".
Para levar a cabo a consulta, á parte das mesas que se poñerán en colexios e institutos, colocaranse outras en diferentes lugares co obxectivo de facilitar a participación da sociedade no seu conxunto.
Os CEIP de Pontevedra, Marín e Poio terán as mesas colocadas na semana do 7 ao 11 de outubro. Só é necesaria a súa colocación a primeira hora da mañá, cando os pais deixen aos nenos no centro, digamos que de 8:50h ás 9:10h.
Outra mesa electoral, itinerante, terá o seguinte calendario:
- O 2 de outubro, ás 17:30 horas colocarase na praza da Peregrina.
- O 3 de outubro, ás 11 horas, colocarase na Facultade de Ciencias Sociais e ás 17:30 horas na praza da Peregrina.
- O 4 de outubro, ás 11 horas, colocarase na Facultade de Ciencias da Educación e ás 17:30h na praza da Peregrina.
Os sindicatos encargaranse de achegar mesas aos IES á hora do recreo:
- O luns 7 de outubro ás 11 horas no Fray Martín Sarmiento (Politécnico)
- O martes 8 ás 11horas en Villaverde e o Luis Seoane ás 11:30 horas.
- O mércores 9 ás 10 horas nos Xunqueiras.
- O xoves 10 ás 11:30 no Torrente Ballester.
- O venres 11 ás 11:30 en Marín en Chan do Monte.