Vilaboa aproba os orzamentos para 2021, que inclúen unha partida de 6.000 euros para emerxencia social
Por Redacción
O Concello de Vilaboa aprobou finalmente os orzamentos municipais para 2021, que, tal e como se anunciara, son de pouco máis de tres millóns de euros. As contas aprobáronse no último Pleno despois de que o grupo de goberno do PSOE recollera as achegas do resto de grupos políticos, BNG e PP.
Unha vez aprobados os orzamentos, o alcalde, César Poza, quixo destacar que son unhas contas pensadas para desafiar a actual crise económica e agradecer o apoio do resto dos grupos políticos, xa que aposta por unha lexislatura marcada polo diálogo e o consenso.
Así, trátase dun orzamento de consenso que "recolle tanto as achegas do PP como as do BNG", aínda que Poza lamenta que a formación nacionalista "apostase finalmente por unha estratexia política de confrontación e de acusacións infundadas, que nos entristece moito porque o actual momento económico e social esixe outro xeito de actuar e de facer política e porque os veciños e veciñas de Vilaboa merecen ser a prioridade para quen os representa".
César Poza destaca o apartado social do documento económico, pois inclúe un incremento da partida de emerxencia social, que pasa dos 1.000 euros aos 6.000. o que supón un crecemento do 600%.
Con este capítulo, o Concello de Vilaboa dará resposta ás necesidades das familias en cuestións como transporte, material escolar ou atención a persoas maiores que viven soas coa inclusión en programas como Xantar na casa.
O orzamento tamén recolle unha partida para a elaboración do Plan de Igualdade e fondos para poñelo en marcha, así como servizos específicos de asistencia e transporte a mulleres en situación de violencia de xénero.
Ademais, o alcalde garante que o Concello ten capacidade financieira para aumentar as partidas sociais se é necesario. "O noso obxectivo é darlle aos veciños e veciñas de Vilaboa a cobertura social que necesiten neste ano tan complicado", garante.
O orzamento tamén busca apoiar a cultura como sector moi castigado pola pandemia actual e contempla convenios coas asociacións para garantirlles axudas para os vindeiros anos que lles garantan a estabilidade que necesitan nos seus proxectos.
Para o alcalde de Vilaboa o gran desafío deste orzamento é encarar a crise económica apostando por dúas liñas de axudas aos sectores produtivos. Por un lado, impleméntanse subvencións para investimentos e mellora dos establecementos e por outra, apóstase pola recuperación e o fomento da actividade en Vilaboa.