Residentes da Avenida de Bos Aires rexeitan os danos aos bananeiros e solicitan o seu mantemento
Por Redacción
Residentes na Avenida de Bos Aires manifestaron a súa sorpresa polas declaracións do Concello e máis concretamente do departamento de Medio Natural e Desenvolvemento Sostible avanzando o traslado á Policía Local dos indicios dunha agresión letal contra dous bananeiros para que se investigue o que cualificaba de "agresión contra o patrimonio vexetal municipal".
"Sentímonos cuestionados e acusados. Somos os primeiros que queremos protexer este patrimonio natural, ademais de centenario e denunciar calquera acción deste tipo" afirman, en relación ao que desde o Concello sinalábase como "un ataque intencionado mediante a inxección dun produto tóxico".
Iván Puentes, concelleiro da área de Medio Natural e Desenvolvemento Sostible, respondeu ao malestar veciñal explicando que "non se fai acusación algunha, simplemente fanse públicos os feitos porque se trata dun ataque grave ao patrimonio natural. A Policía ten os seus indicios e continuará coas súas investigacións e veremos que resulta das mesmas".
SOLICITUDE DE PODA
Coa atención posta nos bananeiros, estes residentes lembran a solicitude que veñen facendo no últimos catro anos para que se realice unha poda das partes altas destes bananeiros. En febreiro do ano pasado, case unha vintena de residentes na Avenida de Bos Aires presentaron no rexistro municipal un escrito facendo constar os prexuízos que estaba a producir a altura que alcanzaban as árbores.
"As ramas exceden os tellados e canlóns, que se atascan polas follas e conleva entrada de auga e humidades no interior das vivendas, ocasionando graves deterioracións, mesmo estruturais", reflectían no documento.
Ademais, "no outono, pola caída da folla e debido á escasa limpeza viaria, as beirarrúas están repletas de follas, producíndose o atasco dos sumidoiros do vial, véndose os veciños moi prexudicados". Por estas razóns, solicitaron un poda semellante á que si fixera entre árbores do tramo inicial da avenida.
A este respecto, o concelleiro socialista expón que se atenden as contínuas solicitudes de poda que reciben e que "se procuran responder con maior ou menor rapidez en función da época do ano". Engadindo seguidamente a peculiaridade que tamén supón este paseo: "é un espazo natural que está en terreos de protección de Costas e por tanto ten unha tipoloxía diferente ao resto da cidade. Ademais é o servizo técnico de Medio Ambiente o que ten que determinar que tipoloxía de podas pódense realizar".
Conclúe que "tendo claro que hai que manter as árbores e a tipoloxía paisaxística do paseo, hai colaboración e disposición absoluta a escoitar, falar cos veciños e solucionar os problemas que teñan".