Unha alcoholemia de récord en Marín
Por Redacción
Un veciño de Marín, con numerosos antecedentes por conducir baixo a influencia do alcohol, circulaba pola rúa República Arxentina da vila a media tarde do venres 27. O seu estado provocou que perdera o control do turismo que conducía, saíra da calzada pola marxe esquerda e colisionara contra dous colectores. Non sufriu danos graves.
O condutor, temeroso de que o detectase a Policía local, retomou o camiño cara á súa casa intentando evitar que o detivesen. Os axentes foron alertados e, en poucos minutos, comprobaron que a matrícula se corresponde coa do vehículo deste veciño marinense de 37 anos, moi coñecido na zona. Unha vez localizado no seu domicilio, os policías observan que o turismo sufrira un golpe frontal e someten o home á proba de alcoholemia.
A súa sorpresa é maiúscula ao comprobar que a taxa que detecta o alcoholímetro é de 1,34 mg/l., cinco veces máis elevada que a legalmente permitida. Segundo afirman fontes da Policía Local de Marín, trátase de todo un récord nos últimos anos nas probas realizadas neste Concello.
Ao home retiráranlle o permiso de conducir en seis ocasións anteriormente. Tres por vía administrativa e outras tres a través de orde xudicial con retiradas do permiso por períodos de 8 meses, 2 anos e, de novo, outros 2 anos.
En abril de 2013 recuperou o permiso despois de realizar un curso de reeducación vial. Agora volverá perdelo.