Protección Civil e veciños logran salvar un golfiño varado en Combarro
Por Redacción
Durante este mércores 12, voluntarios da Agrupación de Protección Civil de Poio acompañados por veciños da parroquia de Combarro lograban salvar un golfiño que se quedou atrapado no lodo acumulado na zona portuaria na contorna da Praza da Chousa.
O animal desprazouse en solitario ata a zona e viuse sorprendido pola baixamar sen posibilidade de poder meterse mar dentro. Por este motivo, integrantes de Protección Civil lograron mantelo con vida utilizando, como medida de urxencia, caldeiros de auga e con axuda veciñal foi trasladándose ao cetáceo ata un punto con suficiente calado.
Desde Protección Civil puxéronse en contacto con responsables da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), especialistas neste tipo de rescates, e grazas á súa colaboración, o animal foi orientado ata o centro da ría.
A recomendación que se realiza sempre que se atopa un animal mariño varado, principalmente se se trata dun cetáceo, é poñerse en contacto co 112 Galicia ou co teléfono 686.989.008 para que interveñan os especialistas do CEMMA.