Unha camelia co nome de Emilia Pardo Bazán para conmemorar o centenario do seu falecemento
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra conmemorou este 12 maio o centenario do falecemento de Emilia Pardo Bazán coa presentación no castelo de Soutomaior da camelia que levará o nome da escritora.
Nun emotivo acto ao que asistiron a presidenta da Deputación, Carmela Silva, o alcalde, Agustín Reguera, e colectivos e asociacións de mulleres e da cultura da comarca; a institución provincial quixo render homenaxe á autora nesta efeméride na que tamén se profundou na excepcional personalidade de Pardo Bazán a través da charla da historiadora Silvia Cernadas e da actuación de danza contemporánea a cargo da bailarina Ana Beatriz Pérez, cunha peza baseada na protagonista da obra “A Tribuna”.
A nova camelia Emilia Pardo Bazán, que será rexistrada co nome da escritora na Sociedade Internacional da Camelia, incorpórase ao Xardín “Con Nome de Muller” do castelo de Soutomaior onde xa figuran as plantas cos nomes de María Vinyals, Rosalía de Castro, Bela Otero, Jane Andresen, Sofía Novoa e Juana de Vega.
Esta nova camelia foi orixinada a partir dunha semente de camelia japónica na Finca Chazo de Boiro, e convértese na primeira que se planta nun espazo público. Ten unha flor de tamaño medio-grande e unha cor vermella intensa, con ao redor de 50 pétalos. E agora forma parte xa do xardín de camelias con nome de muller que a Deputación de Pontevedra creou no exterior do castelo no 2020.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, sinalou que Pardo Bazán "amaba esta provincia" e lembrou que na súa obra "falou tanto da súa historia e paisaxe pero tamén da súa modernidade". A camelia, dixo, están presentes nos seus libros e escritos. " Onde estea hoxe estará contenta porque mirará que os principios que defendeu, que ela sembrou, están a crecer igual que vai crecer esa camelia", sinalou Silva.
Tras a presentación da camelia, a homenaxe trasladouse ao salón do tapiz do castelo, onde a historiadora Silvia Cernadas profundou nunha charla na vinculación de Pardo Bazán coa provincia e en concreto con este castelo, o que visitou en varias ocasións debido á súa relación María Vinyals.
Cernadas incidiu en que ambas as figuras “comparten as súas inquietudes intelectuais tanto en relación á literatura como ao feminismo” e tamén no feito de que esta relación foi estreita aínda que a documentación sobre esta amizade na prensa e nas crónicas sociais é escasa.
O acto finalizou coa actuación de danza contemporánea a cargo da bailarina Ana Beatriz Pérez, da Compañía Entremans, que puxo en escena a peza “Amparo ao outro lado”, inspirada na protagonista da novela de Pardo Bazán “A Tribuna”. Amparo, como destaca a compañía, é “un arquetipo da liberdade, muller de berro en peito que como moitas outras non tiveron medo a alzar a voz e a conservar a súa estirpe en defensa dos seus ideais e dereitos".
Relacionadas:
-
Recreacións de Emilia Pardo Bazán e Pedro Madruga guiarán a visitantes polo Castelo de Soutomaior
Por Anxo Lourido |
-
Un millón e medio de euros vai destinar a Deputación para impulsar un modelo turístico intelixente, dixital, adaptado e sostible
Por Redacción |
-
Novos usos para o Castelo de Soutomaior
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |