Disolven unha asociación cannábica de Pontevedra porque os seus directivos vendían droga
Por Oskar Viéitez
A sección cuarta da Audiencia de Pontevedra condenou a seis directivos dunha asociación cannábica por traficar con droga.
Os sospeitosos declaráronse culpables dun delito de asociación ilícita e doutro delito contra a saúde pública na súa modalidade de substancias que non causan grave dano á saúde. Así, aceptaron ser condenados a un ano de cárcere e ao pago dunha multa de 2.450 euros, así como á inhabilitación para emprego ou cargo público durante un ano e medio.
Ademais, a Audiencia ordenou a disolución da asociación e o comiso das substancias, os cartos, os efectos e os instrumentos intervidos.
O tribunal acordou a suspensión da pena de cárcere durante dous anos para todos os sospeitosos coa condición de que durante ese período non delincan. Os maxistrados tiveron en conta as atenuantes de confesión e de dependencia do consumo de estupefacientes, pois os acusados son "consumidores de longa evolución de cannabis".
"A actividade desenvolvida polos investigados, a través da asociación por eles dirixida, centrouse na distribución de estupefacientes, sen que conste o modo exacto en que se provían da substancia que lucrativamente vendían", indican as xuizas na sentenza.
No fallo xudicial especifican que froito das vixilancias policiais desenvolvidas entre os meses de outubro de 2017 e abril de 2018 na contorna da sede da entidade, situada en Pontevedra, se incautaron substancias estupefacientes comercializadas polos condenados, os cales admitiron que se servían da asociación para vender droga.