Recuperan arte relixiosa e libros antigos roubados da igrexa de Vilanova
Por Oskar Viéitez
A Garda Civil recuperou imaxes de santos talladas en madeira, documentos antigos e un lote de libros dos séculos XVII e XIX que foran roubados na igrexa parroquial de Vilanova de Arousa.
Todo este material foi achado no domicilio da persoa que, durante os últimos 25 anos, estivera colaborando en todos os labores propios da parroquia, entre elas o mantemento e administración dos seus bens.
A investigación da Garda Civil comezou o pasado mes de marzo cando o cura titular da igrexa de Vilanova denunciou a desaparición de numerosos obxectos litúrxicos de gran valor artístico e histórico, necesarios para o desenvolvemento dos actos eclesiásticos.
A ausencia do material roubado detectouse cando, tras a chegada deste novo sacerdote, fíxose un inventario dos bens da igrexa.
O principal sospeitoso sempre foi o detido, veciño de Vilanova de Arousa, en cuxo domicilio este adoitaba gardar numerosos obxectos propiedade da Igrexa.
Entre os obxectos intervidos na súa casa están preto dunha decena de tallas de madeira policromada coas imaxes de distintos santos, quince capelas domiciliarias con diversas tallas e un altar antigo tallado en madeira.
Tamén se recuperaron oito candelabros, unha cruz de altar de prata, un cáliz, un cadro de prata e varias medallas das confrarías, tapetes bordados e diverso vestiario litúrxico do sacerdote e dos patróns parroquiais.
A operación da Garda Civil permitiu ademais recuperar importantes documentos antigos relacionados coa igrexa e un lote de 25 libros litúrxicos dos séculos XVIII e XIX, así como dúas imaxes de santos tallados en pedra.
O detido, investigado polos delitos de furto e apropiación indebida, foi posto ao dispor do xulgado de instrución número 1 de Vilagarcía de Arousa, que decretou a súa liberdade provisoria con cargos.
A investigación continúa aberta pendente de realizar o estudo da documentación intervida, relativa á administración dos bens, e do informe pericial sobre o valor artístico e histórico de todos os obxectos intervidos.
Todos eles están custodiados na comandancia da Garda Civil de Pontevedra, onde ademais estarán expostos outros efectos litúrxicos recuperados e que non pertencen á igrexa de Vilanova, para que responsables doutras parroquias poidan comprobar se son seus.