Quince familias vilagarcianas en situación de emerxencia tratan de evitar a exclusión social
Por Redacción
A Concellería de Traballo e Benestar do Concello de V ilagarcía pon en marcha unha novidosa iniciativa tendente a axudar as familias en situación de emerxencia social para evitar que esta se cronifique e chegue a derivar en casos de exclusión social.
Dende este martes e ao longo dos vindeiros meses, psicólogos e técnicos do departamento traballarán dende diversos ámbitos con 15 familias perceptoras de axudas de emerxencia e que se atopan en risco de exclusión . O obxectivo é o de orientalos sobre como afrontar psicoloxicamente a situación da perda de recursos e tamén asesoralos sobre como xestionar dun xeito máis eficaz os ingresos dispoñibles de xeito que se poidan desenvolver de xeito autónomo.
O programa abordará aspectos como a organización e xestión da economía familiar cos recursos dispoñibles, a aprendizaxe e habilidades sociais para evitar a exclusión, tamén dende unha perspectiva psicolóxica como afrontar o duelo que supón esa nova situación de perda de posición social e económica e que fai caer os membros da unidade familiar en depresión e na perda da autoestima, e tamén se lles informará sobre os recursos que ofrecen as administracións ou os servizos aos que poden recorrer para atopar emprego.
Os técnicos traballarán coas familias de xeito individual e tamén en sesións grupais dúas veces por semanas durante os vindeiros meses.
A idea de deseñar este programa xurdiu ante as necesidades detectadas no departamento de Servizos Sociais, a onde cada vez acoden máis familias que, abocadas polo paro e a perda de ingresos provocada pola crise, teñen que solicitar axudas de emerxencia social para facer fronte a pagos de extrema urxencia e necesidade, como o aluguer ou a hipoteca a luz ou mesmo a compra de alimentos.
Independentemente da concesión da axuda económica puntual que lles permita afrontar esa emerxencia, dende Servizos Sociais preténdese traballar con estas familias, moitas das cales contan con fillos menores de idade, para axudarlles a volver a ser autónomos xa que, segundo se detectou, hai familias que, pese a quedar algún membro no paro e ver reducidos os seus ingresos de xeito importante, aínda perciben unha renda que, ben xestionada, ou acudindo a outro tipo de recursos podería devolverlles esa autonomía económica.
O problema reside na incapacidade de adaptación desas familias á nova situación, e a intervención de Servizos Sociais a través deste programa, pretende facilitarlles as ferramentas precisas para que saiban como e onde poden aforrar, a que administracións ou servizos poden recorrer.
FORMACIÿN DE COIDADORES
O departamento de Servizos Sociais pon en marcha este luns o obradoiro formativo para coidadores non profesionais de persoas con dependencia.
Profesionais cualificados de Clece, a empresa concesionaria do servizo de Axuda no Fogar, impartirá as sesións nas que participan 10 familiares de usuarios deste servizo e 16 veciños que non reciben a prestación pero que se encargan do coidado de dependentes. A iniciativa ten como obxectivo facilitarlles aos coidadores os coñecementos básicos e esenciais para unha correcta atención do dependente, así como para o seu propio coidado.