Piden que o Cristo de Xende sexa declarado Festa de Interese Turístico Galego
Por Redacción
Unha plataforma de veciños da Lama decidiu impulsar unha petición para que o Cristo de Xende sexa declarado como Festa de Interese Turístico Galego pola Xunta de Galicia. Fano, polo momento, a través dun grupo creado en Facebook, no que mostraron o seu apoio a esta iniciativa unhas 250 persoas.
A iniciativa, que ten que ser presentada polo Concello da Lama, conta co respaldo do párroco e dos veciños de Xende e Paradela, que ven nesta declaración unha ferramenta para potenciar a actividade turística da zona, moi deprimida por mor da despoboación e a actual crise económica.
Un dos impulsores desta plataforma, o portavoz socialista, Enrique Vaqueiro, sinalou que "o proxecto de memoria que estamos redactando atrasouse por falta de recursos, pero estou en condicións de informar que o mes que vén estará terminada, por se o concello quérea utilizar como documentación complementaria ao presentar a solicitude".
Vaqueiro recordou que entre os esforzos realizados nos últimos meses para popularizar esta romaría se habilitaron dúas sendas desde Doade (Beariz) ata o santuario de Xende. A primeira pasa polas Ermitas, con 19 quilómetros de lonxitude, e a outra o fai polos antigos camiños reais de Liñares e Paradela, unha ruta de 23 quilómetros.
Ademais, os veciños de Xesta organizaron unha comida na casa do pobo para arranxar a Casa Rectoral, que durante tantos anos acolleu a peregrinos de toda Galicia.
A romaría do Cristo de Xende é unha das celebracións máis coñecida do Concello da Lama. A ela acoden numerosos fieis procedentes de diferentes lugares de Galicia para visitar ao miragroso Cristo da Agonía. Un dos momentos máis populares prodúcese na tradicional ofrenda dos féretros, na que os fieis ofrecen o seu corpo metido nun ataude, en agradecimiento ao Cristo por curalos de enfermidades ou accidentes.