Meijón valora os Presupostos Xerais como "os do engano, a estafa e a manipulación"
Por Oskar Viéitez
Guillermo Meijón, deputado no Congreso e responsable local do Partido Socialista en Pontevedra, compareceu este martes en rolda de prensa para valorar os Presupostos Xerais do Estado que cualificou como "os do engano, a estafa e a manipulación". "Mais que as contas da recuperación son os contos da recuperación", dixo Meijón respecto ás políticas de "austericidio" que está aplicando o Goberno do pontevedrés Mariano Rajoy "a favor do desmantelamento do Estado".
O deputado socialista referiuse á "manipulación" de cifras respecto á provincia de Pontevedra citando como exemplo a cantidade de 571 millóns de euros destinada á AVE Olmedo-Lubián-Ourense, "a cantidade prevista para o ano 2013 era 354 millóns de euros, pero o problema é que a cantidade consignada o pasado ano non era esa senón 496 millóns de euros, polo tanto nunha simple folla de papel perdemos nese tramo de AVE 142 millóns de euros".
Meijón Couselo referiuse a outros proxectos de infraestruturas como A-57 "que deixan sine die", A-59 "que desaparece das previsións de Fomento", ou a Circunvalación de Pontevedra "para a que colocan 6 millóns de euros que son os que non se executaron no ano 2013", dixo. Respecto ao Eixe Atlántico o deputado socialista sinalou que os presupostos "sitúan o final das obras no ano 2018".
Segundo o deputado socialista o "peso" para a provincia de Pontevedra de ter un Presidente do Goberno, Mariano Rajoy e unha Ministra de Fomento, Ana Pastor "significa a desaparición da A-59 e do proxecto do Nó de Bombeiros para Pontevedra ou que o AVE Santiago-Pontevedra-Cerdedo-Vigo tamén desaparece", entre outros compromisos que citou.
"Se continúa por unha senda de destruír o que os socialistas construiramos: sanidade, educación, pensións"
O deputado pontevedrés do PSOE afirmou que estas partidas reflicten a "verdadeira fotografía" dos Presupostos Xerais do Estado "cando non se inflan cunha cosmética descarada que fai o goberno do PP" e comparou "os últimos presupostos do Goberno socialista no ano 2011, ano de crisis, con respecto a este Presuposto para 2014, que baixan en Galicia máis de 200 millóns de euros e na provincia de Pontevedra 123 millóns".
"A realidade é que Fomento neste Presuposto se descontamos órganos como o ADIF baixan un 37,9% respecto ao ano anterior, e isto énchenos de gran preocupación pola súa repercusión brutal en postos de traballo", concluíu.
Xunto a Guillermo Meijón compareceu en rolda de prensa o tenente de alcalde de Pontevedra e voceiro do grupo municipal socialista, Antón Louro, que trasladou a súa "preocupación porque estes presupostos non responden para nada ás expectativas que xeraran Mariano Rajoy e Ana Pastor".
"Os presupostos sinalan claramente unha preocupación de todos ante o futuro", recalcou Louro, "porque se continúa por unha senda de destruír o que os socialistas construiramos: sanidade, educación, pensións," apuntou.
Finalmente Meijón afirmou que xa deron instruccións dende o PSdeG para que se envíen as emendas territoriais para os Presupostos, "que en moitos casos será repetir emendas doutros anos porque non foron escoitadas polo PP que é un partido que cree no monólogo parlamentario e non no consenso", concluíu.