Retirar o seu coche do depósito do guindastre vaille custar case 30.000 euros
Por Alejandro Espiño
Un cidadán terá que pagar uns 30.000 euros se quere recuperar o seu coche, custodiado no depósito do guindastre municipal desde o ano 2016. Recorreu á xustiza para non abonar diñeiro algún, pero os tribunais rexeitaron as súas pretensións.
O vehículo, un Opel Zafira, foi retirado polo guindastre o 31 de xaneiro de 2016 debido a unha infracción. Dúas semanas despois, o seu propietario pagou 370 euros pola multa e o enganche pero non retirou o coche do depósito porque non tiña as chaves.
Desde entón non volveu a por el e a súa débeda non deixou de crecer, a razón de 15 euros por día.
En xaneiro de 2019 decidiu recorrer ao xulgado. Esixía o seu dereito para retirar o coche do depósito sen pagar nada e reclamaba unha indemnización de 12.000 euros por danos e prexuízos.
Pero non tivo éxito. Dúas sentenzas, unha en primeira instancia e outra no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia confirmaron que deberá pagar os 28.650 euros que, a día de hoxe, debe ao Concello de Pontevedra para recuperar o seu coche.
Ademais, deberá pagar as costas deste procedemento xudicial, que suman outros 1.000 euros.
Se non paga ese diñeiro de maneira voluntaria, o Concello xa advertiu que o reclamará polas vías legais e administrativas correspondentes.
700 EUROS POR UNHA CAÍDA NA RÚA
O xulgado do contencioso administrativo número 2 de Pontevedra, pola contra, condenou ao Concello a pagar 714 euros a unha muller que caeu na barriada da Seca como consecuencia do mal estado no que se atopaban as baldosas da zona.
A sentenza estima parcialmente o recurso da demandante, que solicitaba o dobre desa cantidade, 1.428 euros, ao entender que a súa caída foi responsabilidade tanto do deficiente mantemento do pavimento como da falta de atención dela como peón.
O titular do xulgado pontevedrés conclúe que aínda que as baldosas estaban afundidas e movíanse, co risco de provocar unha caída, a vítima puido advertir o perigo e esquivalo se gardase a atención debida, ao ter espazo suficiente para facelo.
Relacionadas:
-
Denuncia ao Concello por caer ao tropezar cunha lousa e termina pagando 200 euros por costas procesais
Por Redacción |
-
Encaixa o seu coche nas escaleiras da Praza de Ourense por un despiste co GPS
Por Alejandro Espiño |
-
Un turismo domiciliado en Angoulême, entre os 47 vehículos expedientados para a súa retirada das rúas da cidade
Por Redacción |