A hostalería de Pontevedra censura as festas na rúa e teme o regreso das restricións
Por Manu Otero
As escenas de grandes grupos de mozos saltando e sen gardar a distancia de seguridade na Praza da Verdura para celebrar o final do toque de queda seguen coleando. As redes sociais xa condenaron este comportamento e agora é o propio sector hostaleiro da cidade o que expresa o seu total rexeitamento a unhas condutas que, temen, acabarán prexudicándoos.
"Créame bastante rabia e indignación. Temos que divertirnos. É positivo. Pero temos que facelo de forma prudente e con sentido común para que non volvamos atrás e non podamos divertirnos de ningunha das formas", confesa Dani Lorenzo, presidente da Asociación de Hostaleiros Empresarios de Pontevedra ( Hoempo).
O colectivo móstrase preocupado non só pola actitude dunha parte da sociedade, tamén son conscientes de que non todos os locais están a acatar as normas. "Moitos locais imos no mesmo sentido, pero hai outro local que parece que a pandemia non vai con el. Aquí botamos a xente e ao intre témolos na esquina famosa", confesa o camareiro dunha taberna da Praza da Verdura.
Ademais dun repunte nos contaxios, esta situación que non é a primeira vez que se produce comeza a afectar os negocios. "Ademais da vergoña que se está dando, está a producirse unha perda de clientes adultos e sensatos polo botellódromo que se está formando", critica.
O medo para volver a restricións máis estritas planea xa sobre a o sector hostaleiro da Boa Vila. "O primeiro que se nos vén á cabeza é que por culpa destas situacións vaiamos pagalo nós. Está claro que non é culpa dos hostaleiros, senón dun mal comportamento dun grupo de xente. Espero que non nos afecte negativamente", sostén Lorenzo, que se mostra contundente contra este tipo de actuacións: "Temos que ter claro que non se poden volver repetir esas imaxes. Cada un dos que se ve nesas imaxes ten que estar avergoñado polo seu comportamento".
Desde Hoempo aproveitan a situación para reivindicar a necesidade de reabrir o lecer nocturno e empregalo como un mecanismo de control. "Co lecer nocturno aberto seriamos unha solución para que non se desen esas imaxes, porque a xente está máis controlada neses negocios que na rúa ou nas casas", insiste Lorenzo.
Un dos que se expresou con maior dureza nas redes sociais foi o chef Pepe Solla, quen se mostra profundamente crítico coa sociedade en xeral. "Dáme rabia pensar que só somos capaces de cumprir cando nolo impoñen", lamenta ao mesmo tempo que recoñece sentir "rabia e impotencia" ao ver como esas imaxes repetíanse por todo o territorio español.
"Temos que vacinarnos e ter cuidado ata que a situación esté completamente controlada", pediu o cociñeiro durante unha entrevista na Radio Galega
Relacionadas:
-
La Duendeneta e Louband Street Band animarán a reactivación do 'botellódromo'
Por Manu Otero |
-
As restricións fronte á covid-19 aprobadas en Galicia tras o estado de alarma, avaladas polo TSXG
Por Natalia Puga |
-
O Concello ve algo "puntual" as aglomeracións tras o final do estado de alarma e confía en que non se repitan
Por Alejandro Espiño |
-
Malestar nas redes sociais ante os vídeos de celebracións masivas na contorna da Praza da Verdura
Por Redacción |