Triplica a taxa de alcohol un condutor interceptado cando circulaba erraticamente por San Salvador
Por Redacción
Axentes da Policía Local de Poio interceptaban durante a mañá deste domingo 9 de maio un vehículo ao comprobar que o seu condutor circulaba de maneira errática pola parroquia de San Salvador sobre as 11.20 horas.
Ao observar que a condución resultaba irregular, os axentes déronlle o alto e ao realizar a proba de alcoholemia, comprobaban que a taxa que presentaba de alcohol en aire expirado era de 0,85 mg/l, superando o triplo do establecido, xa que a normativa actual non permite circular por vías públicas con taxas superiores a 0,25 miligramos por litro en aire aspirado.
Ante estes niveis, a Policía Local procedeu a instruír dilixencias que serán remitidas ao xulgado para a celebración dun procedemento rápido no que o home, un veciño de Poio de 59 anos, será acusado de conducir cunha taxa de alcol superior á permitida e condución baixo a influencia de bebidas alcohólicas.
Por encima do 0,60 mg/l, o condutor incorre nun delito penal e enfróntase a unha condena de entre tres e seis meses de prisión, de seis a doce meses de multas económicas ou de traballos en beneficio para a comunidade, e á perda do permiso de conducir durante un período que pode chegar a catro anos.