Cachado "in fraganti" cando realizaba unha pintada no Parque de Rosalía de Castro
Por Redacción
Axentes da Policía Local de Poio tramita dilixencias a un mozo de 22 anos, veciño do municipio, como presunto autor dun delito de danos a bens públicos. O mozo era sorprendido "in fraganti" por unha patrulla policial cando realizaba un graffiti de gran tamaño nun muro das escalinatas no Parque de Rosalía de Castro en Poio.
Unha persoa que se atopaba pola zona alertou aos axentes, que rapidamente se desprazaron ata o lugar atopando ao autor en plena faena. O mozo portaba cinco sprays que levaba nunha mochila. Os axentes comprobaron que a pintura aínda se atopaba fresca e que o presunto autor tiña as mans manchadas do mesma cor que o debuxo. Os representantes policiais tamén comprobaron que a pintada realizada na parede se correspondía co nome do mozo.
NEGA OS FEITOS
A pesar destas evidencias e das testemuñas que avalaban a actuación, o presunto autor negou os feitos ante os axentes. Desta forma foi investigado por un presunto delito de danos e citado para a celebración dun xuízo rápido por un presunto delito leve de danos, que se celebrará o vindeiro martes 11 no xulgado de garda. Ademais ábrese a dobre vía, penal e administrativa, por infrinxir a Lei Orgánica 3/2015 sobre Protección da Seguridade Cidadá por "danos ou o deslucimiento de bens mobles ou inmobles de uso ou servizo público, así como de bens mobles ou inmobles privados na vía pública".
Segundo fontes policiais, os axentes ofrecéronlle ao graffiteiro buscar un lugar autorizado para realizar as súas creacións e evitar este tipo de infraccións, pero o mozo negouse a este ofrecemento.
Ante esta situación, o mozo enfróntase a unha pena leve, con multa de ata tres meses, localización permanente e traballos en beneficio da comunidade ata 30 días, ademais de verse obrigado a pagar os gastos que supón a reposición do inmoble afectado ao seu estado orixinal.
Xa en marzo de 2019, a Policía Local de Poio identificaba na mesma zona a varios menores realizando pintadas. Naquel caso, trasladouse o incidente a Fiscalía de Menores, e posteriormente volveuse a pintar a parede.