Folga e protesta solidaria no H&M de Pontevedra: "se tocan a un, tocan a todos"
Por Cristina Saiz & Redacción
A Federación de Servizos, Movilidad e Consumo (FeSMC UXT) de Pontevedra convocaba este sábado 8 de maio unha folga en todas as tendas da cadea de roupa H&M ante a decisión adoptada pola dirección empresarial de iniciar un ERE que, segundo este sindicato, non se xustifica cos beneficios que ten a empresa.
Membros do comité de empresa informaron na tenda situada en Benito Corbal a situación na que se atopa na negociación dese ERE e o persoal sumábase á folga, que tamén está convocada para o vindeiro sábado 15 de maio.
A cadea multinacional sueca de tendas de roupa, complementos e cosmética ten previsto despedir a 1.066 traballadores de 94 tendas e pechar 30 establecementos en España. O sindicato FeSCM UXT entende que, tras esta operación, escóndese o obxectivo de reducir a venda directa nas tendas para buscar outro tipo de sistemas de venda.
Segundo as mesmas fontes, a única tenda da cadea na cidade de Pontevedra inicialmente non se ve afectada pola decisión, pero os traballadores solidarizáronse con outros compañeiros de Vigo onde está previsto o peche dun establecemento e a aplicación de modificacións laborais para o persoal da outra tenda situada na cidade olívica.
Os traballadores de Pontevedra concentráronse ante a tenda e pegaron carteis onde amosan a oposición ás medidas adoptadas pola dirección alegando que "se tocan a un, tocan a todos" ou "non vos fagades os suecos".
Relacionadas:
-
O persoal da tenda de H&M súmase á folga estatal contra o peche de establecementos da cadea
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Traballadores de H&M en Pontevedra apoian os compañeiros afectados por un ERE
Por Alejandro Espiño |
-
Segundo sábado de folga nas tendas de H&M de Pontevedra e Vigo
Por Redacción |