Marín abre o 13 de maio o prazo de inscrición para os campamentos de verán
Por Redacción
O prazo de solicitude de praza para os campamentos de verán do Concello de Marín abrirase o 13 de maio. A concelleira de Benestar Social, Marián Sanmartín, anunciou esta mañá que estas actividades teñen como obxectivo fomentar a conciliación da vida familiar e laboral durante as vacacións escolares e están dirixidos a menores nados entre o 2009 e o 2018.
A inscrición poderá realizarse de forma telemática, a través da sede electrónica do Concello de Marín e co certificado dixital, ou presencialmente, presentando a documentación requirida no Rexistro municipal sempre con cita previa.
As persoas interesadas terán de marxe o primeiros tres días da próxima semana para preparar a documentación e pedir as citas previas e así poder chegar ao xoves, día da apertura do prazo, con todo resolvido. O prazo de presentación finalizará o 26 de maio. A listaxe de prazas concedidas sairá o venres 28.
O prezo será o mesmo que todos os anos, 30 euros por cada neno ou nena. Mantéñense as catro quincenas para os campamentos urbanos e as dúas para o rural, de tal maneira que se ofrecen 50 prazas por cada quincena no centro urbano e 25 en Seixo e Mogor.
Outra novidade con respecto a este ano será o emprazamento no que se desenvolverán os campamentos urbanos, que pasarán do Sequelo ao CEIP da Laxe, polas obras que albergará o centro durante o verán, que impiden a prestación deste servizo con seguridade.