O PP ve un "paripé" a mesa do PXOM convocada en Poio, pero participará "por responsabilidade"
Por Redacción
O PP de Poio participará na denominada "mesa do PXOM" convocada para o vindeiro martes 11 de maio, pero non por que estea de acordo co seu contido, senón "por responsabilidade", pois cre que, en realidade, é un "paripé" do goberno local coa única intención de "branquear" un Plan Xeral que xa está redactado desde hai anos e que é "o máis escuro de Galicia".
Os concelleiros Ángel Moldes e Rocío Cochón foron moi duros contra este plan, no que ven "un conxunto de pelotazos urbanísticos que lle soluciona a vida aos amigos do Tripartito pero non resolve os problemas dos veciños de Poio".
As súas críticas provocaron este venres unha reposta do Goberno local. O titular de Urbanismo, Gregorio Agís, esixe ao PP que aclare esas acusacións sobre supostos pelotazos urbanísticos aos que fai mención, pois considera "dunha gravidade enorme" que un representante político "se dedique a realizar este tipo de afirmacións, sen ningún tipo de fundamento".
Así, Agís mantén que se Ángel Moldes ten constancia de irregularidades, o que ten que facer é acudir ao Xulgado, pero "o único que quere é confundir á veciñanza, amosando unha falta de ética impropia dun membro dunha Corporación".
Rocío Cochón, responsable de urbanismo do PP, considera que esta subcomisión anunciada para a próxima semana é, polo tanto, "un teatrillo" co que BNG, PSOE e Avante Poio "buscan gañar tempo, seguir mantendo aos veciños a escuras, enredar e branquear as cacicadas do equipo de Goberno".
Cochón recordou que a redacción do novo PXOM foi licitada en 2008 e desde entón figuraba en todos os pactos de goberno do Bipartito (2011 e 2015) e o actual Tripartito (2019), de maneira que pasaron trece anos e medio, gastaron case medio millón de euros "e nin sequera amosaron un papel nin aos veciños nin á oposición". "Como é posible?", pregúntase.
A resposta, segundo os populares, é que "o PXOM está feito", como demostra o documento de avance redactado en 2010, que recollía unha fase do planeamento moi avanzada e que apareceu nunha documentación en exposición pública da administración autonómica.
O PP opina que o documento de 2010 mostra zonas para construír en distintos lugares, un "corredor" que parte o Concello en dous, espazo para urbanizacións sen servizos básicos... "en definitiva, un gran pelotazo urbanístico para algúns amigos do Tripartito, pero que prexudica ao 99% dos veciños de Poio".
Cochón e Moldes criticaron duramente aos tres partidos do Goberno, dos que asegura que non son de fiar. "Nin o BNG dos trasteiros, nin o PSOE responsable da xestión urbanística máis cara e ineficaz de Galicia nos últimos anos, nin unha Silvia Díaz que marchou do BNG e fixo bandeira da transparencia e a participación pero desde que está no Goberno os veciños teñen aínda menos voz e menos información".
RESPOSTA DO GOBERNO LOCAL
O concelleiro de Urbanismo considera que estas acusacións demostran que "o verdadeiro interese do PP local é dinamitar calquera tipo de avance no plan" e que por parte do partido da oposición "non hai predisposición a colaborar ou facer achegas".
Segundo sostén o concelleiro socialista, "era algo que sospeitabamos vendo a actitude dos ‘populares’ tanto no Pleno no que se aprobou a creación da Mesa do PXOM como na Comisión de Urbanismo que serviu para impulsar a súa posta en marcha, precisamente co obxectivo de que todos teñamos as mesmas oportunidades á hora de participar neste proceso".
Ademais, lamenta que "o PP xa quere boicotealo antes de comezar” e non lle sorprende a súa actitude porque "é a tónica constante desde que o señor Moldes está á fronte: actuar a base de mentiras, sen ningún tipo de escrúpulo, co único propósito de torpedear posibles avances en temas da importancia do PXOM".
En canto á Mesa do PXOM, Agís lembra que é unha entidade que garante "a transparencia e a transversalidade á hora de avanzar na redacción do plan". Proba diso é, segundo indica, que estará composta por todos os grupos da Corporación, técnicos municipais e o propio equipo redactor. "Esta forma garante un proceso no que todo vai ser con luz e taquígrafos, pero iso é precisamente o que non lle interesa ao PP", sinala.