215.000 euros para equipar a residencia de maiores de Cerdedo
Por Redacción
O equipamento da nova residencia de maiores de Cerdedo custará 215.000 euros. A Xunta de Galicia acaba de licitar o contrato para facelo realidade e os traballos deberán estar rematados en 30 días unha vez que se adxudique.
As empresas teñen ata o 25 de maio para presentar as súas ofertas e as condicións deste procedemento pódense consultar na Plataforma de Contratos de Galicia.
O contrato é para o equipamento e amoblamento completo da zona residencial, que tiene 24 habitacións dobres, con baño xeriátrico incluído; así como da área de enfermaría; do salón; do comedor; e da cociña.
Esta licitación tamén inclúe dotar ao centro de xogos de terapia; do sistema de chamadas e control de accesos; e de elementos de exterior, como mesas de terraza, bancos de madeira ou cadeiras.
O Goberno galego avanza na próxima entrada en servizo desta nova infraestrutura construída ao anexo do actual centro de maiores e en cuxas obras se investiron dous millóns de euros.
Con esta ampliación duplícase o numero de prazas residenciais, ao pasar das 18 ás 48. Así mesmo, esta actuación permite destinar integramente as antigas instalacións a centro de día, que manterá as 30 prazas actuais con máis espazo e comodidades para os seus usuarios.