Pontevedra regresará a Fitur como cidade vibrante e disposta a acoller o visitante
Por María José Pita
Tras os adiamentos causados pola pandemia, Fitur 2021 celebrarase en Madrid do 19 ao 23 de maio. A Feira que constitúe o grande escaparate para fomentar o turismo en todo o Estado contará coa presenza da cidade de Pontevedra o venres 21 de maio ás 10:30 da mañá.
Para esta cita, a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, estará acompañada polo tenente de Alcalde Tino Fernández e polo escritor pontevedrés, Manuel Loureiro "que no seu último libro 'La puerta' lévanos por toda a cidade de Pontevedra" e é un escritor internacional.
Do mesmo xeito, o artista Pablo Méndez e a súa compañía, tras o último éxito no programa de televisión Got Talent e con actuacións "en todos os continentes excepto Oceanía", como lembraba o propio Méndez, achegará Pontevedra os touroperadores a través dunha peza audiovisual cargada de simbolismo e evocadora de seres máxicos, os faunos, que habitan a cidade e que convidan a todos a descubrir cada recuncho dela.
"O noso sector é un dos castigados e que volva o turismo, a festa, os visitantes, axuda á nosa recuperación", manifestaba Pablo Méndez, quen cedeu o seu traballo ao Concello sen percibir ningún tipo de remuneración para apoiar á recuperación da actividade, un empeño no que "gañamos todos". Precisamente no vídeo, editado por Fernando Portela, vese unha cidade vibrante, que amosa diversión, cultura, celebración ou vida nas terrazas.
O vídeo que se presentaba este venres forma parte dunha peza promocional máis ampla que será a que se proxecte en Fitur. Ademais, á feira de Turismo, a concelleira avanza que tentarán trasladar ao visitante a importancia de vivir experiencias. Deste xeito, amosarán un proxecto novidoso no que, a modo de xogo, os turistas terán a oportunidade de responder a unhas preguntas como se dunha procura do tesouro se tratase. Os vencedores, poderán acceder a un dos agasallos que se conteñen na chamada Caixa Branca, outra das sorpresas que Visit Pontevedra levará a Fitur e que consiste nunha caixa deseñada no Centro Ocupacional Xoán XXIII e que acolle diversos produtos de merchandising.
A campaña de posta en valor da cidade complétase coa edición dun libro no que participan xornalista e fotógrafos vinculados a Pontevedra e que fai un percorrido pola parte máis emocional. O caso dos profesionais de PontevedraViva Álex Espiño e Cristina Saiz. "Eses retrincos da alma que se recollen no noso libro de destino, ‘Pontevedra de corazón’, unha publicación de 72 páxinas no que Pontevedra fala de si mesma a través dos pequenos textos nos que unha trintena de persoas de diferentes ámbitos achegan a súa particular visión da cidade: descricións vitais, descricións concretas, tons poéticos, recordos ou evocación de lugares, momentos e personaxes que compoñen un caleidoscopio de miradas múltiples", explicou Yoya Blanco.