O Sánchez Cantón contará con dez aulas adicionais o próximo curso para adaptarse ao contexto covid
Por Manu Otero
O instituto Sánchez Cantón contará o próximo curso con dez aulas adicionais para adaptar os seus espazos ao contexto da covid-19 e asegurar a correcta aplicación de todas as garantías sanitarias. O proxecto atópase xa en fase de licitación, cun orzamento de 236.000 euros, e o obxectivo da Xunta é completar as obras durante o verán para que en setembro os novos espazos estean plenamente operativos.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López, acompañado do xefe territorial de Educación, César Pérez Ares; o presidente do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez; e membros da directiva do centro educativo percorreron este venres o instituto para coñecer as novas estancias, ata o de agora dedicadas a departamentos do profesorado, que ampliarán os espazos dedicados á docencia.
"Agora, por estar circunstancias serán aulas, pero no futuro poderán destinarse a outros espazos", declarou o delegado durante a visita destacando o carácter reversible das obras. López tamén quixo lanzar unha mensaxe de tranquilidade á comunidade educativa comprometéndose a poñer todo do seu parte para "causar o menor perxuizo posible ao alumnado e comezar o curso coas aulas e demais melloras, que abarcan falsos teitos, instalación eléctrica, calefacción e ventilación".
"Facémolo polo ben do alumnado", recalcou o xefe territorial de Educación. O curso escolar atópase xa na súa fase final e o balance. segundo Pérez Ares, deste ano marcado pola pandemia non pode ser máis positivo. "En setembro visitei 47 centros educativos en toda a provincia e defendín un eslogan que foi unha garantía: 'os centros educativos son centros seguros'. Creo que ao final de todo este proceso acabouse por demostrar", subliñou o responsable.
Argumenta Pérez Ares que "eran seguros pola implicación dos equipos directivos en que as cousas funcionasen, polo protocolo e pola colaboración dos pais e a cativada, que se adaptaron inmediatamente a esta situación. Por iso foi un éxito", rematou.
No caso particular do instituto pontevedrés, no que o Concello ordenou o peche ao tráfico da Avenida Raíña Vitoria para facilitar o cumprimento da distancia de seguridade nas entradas e saídas do alumnado e que causou unha gran controversia na cidade, Pérez Ares evitou valorar a utilidade desta medida e limitouse a mostrar a súa satisfacción porque "de portas cara dentro hai garantía de seguridade, con entradas, saídas, dobres recreos e xeles como en todos os centros. De portas cara fóra, non me corresponde a min".
Aínda que a satisfacción dos responsables de Educación é plena, a Consellería levará a cabo para o próximo curso "un proxecto de melloras e reformas en todos os centros da provincia en prevención do que poida ocorrer en setembro para que sexan unhas aulas dignas e adaptadas á covid. Temos que estar previdos", concluíu Pérez Ares.
Relacionadas:
-
Os bachareis do IES Sánchez Cantón recuperarán o luns 26 todas as clases presenciais
Por Oskar Viéitez |
-
O Sánchez Cantón ampliará o seu profesorado para recuperar a presencialidade no bacharelato
Por Manu Otero |
-
Comerciantes, empresarios e oposición fan piña para reabrir Raíña Vitoria ao tráfico
Por Manu Otero |