A xuízo por aproveitarse do seu cargo de sarxento da Garda Civil para enganar a denunciantes e apropiarse de diñeiro
Por Redacción
O antigo comandante do posto de Garda Civil de O Covelo sentará no banco dos acusados da Audiencia Provincial de Pontevedra a próxima semana por presuntamente aproveitarse do seu cargo para apropiarse de diñeiro de persoas que acudían a formalizar denuncias. Segundo sostén a Fiscalía, enganábaos e non formalizaba os atestados.
O xuízo está previsto para o vindeiro xoves 13 de maio na sección cuarta da Audiencia e seguirase contra o acusado como presunto autor de dous delitos de apropiación indebida, dous delitos de omisión do deber de perseguir delitos e un delito de falsidade en documento público.
A Fiscalía considera que hai que aplicar a circunstancia agravante de prevalimiento do carácter público e, ao mesmo tempo, a circunstancia atenuante de reparación do dano e pide que o acusado sexa condenado a nove anos e tres meses de prisión, así como 12 anos e nove meses de suspensión para o emprego ou cargo público.
Ademais, deberá pagar unha multa de 6.000 euros (20 meses cunha cota diaria de 10) e indemnizar a unha das súas vítimas con 900 euros polo diñeiro recibido e indebidamente apropiado e a Fiscalía pide á Audiencia que, unha vez finalizado o procedemento xudicial, dea traslado á xurisdición militar.
A Fiscalía considera que actuou na súa condición de sarxento primeiro da Garda Civil e comandante do posto en dous episodios diferentes, o primeiro no verán de 2015. Dous veciños pactaran unha talla de árbores por 900 euros, xurdiron desavinzas e o fillo dun acudiu ao cuartel para presentar denuncia.
A pesar de atendelo, o acusado, segundo o fiscal, non formalizou minuta policial nin atestado algún, nin tampouco presentou minuta ou atestado ante os xulgados tal e como era a súa obrigación. No seu lugar, chamou ao outro veciño, recibiuno como responsable do posto e convenceuno para que lle entregase a el os 900 euros coa escusa de que arranxaría as cousas no seu nome. Pagoulle cun cheque ao portador e cobrouno, pero nunca llo deu ao outro veciño.
O fillo do outro veciño insistiu ata tres veces en poñer denuncia e o acusado viuse obrigado a recollela finalmente en abril de 2016, elaborou dous oficios policiais e unha dilixencia policial, incorporounos ao atestado e entregounos ao xulgado, pero cun relato que non coincide coa realidade e que enmascaraba as súas propias accións, xustificándose.
O segundo episodio ocorreu tamén en 2015 e está relacionado con outra talla de árbores a cambio de 2.400 euros na que tamén xurdiron desavinzas. Un veciño acudiu ao posto da Garda Civil con intención de presentar denuncia, recibiuno o acusado e convenceuno para que non interpuxese denuncia coa escusa de que arranxaría as cousas.
O acusado non só non formalizou minuta policial nin atestado, senón que citou ao outro veciño implicado e, prevaliéndose da súa condición de axente da autoridade, informouno de que existía unha investigación policial pola comisión dun delito de apropiación indebida e que tiña que pagar o prezo da madeira tallada. El entregoulle entregou en metálico 2.000 euros repartidos en dous días diferentes. Inicialmente, devolveulle os primeiros 1.000 e, cando presentou denuncia, os outros 1.000.