Cerco en Cerdedo-Cotobade aos eucaliptais sen limpar en Augasantas
Por Redacción
Augasantas é, desde hai anos, unha das zonas de Cerdedo-Cotobade máis castigadas polo lume. De aí que o goberno municipal iniciara alí unha campaña para recordar á veciñanza a obrigación de ter os terreos forestais limpos de maleza para previr os incendios.
Operarios municipais adscritos ao departamento de Medio Ambiente levan a cabo unha intensa campaña informativa a través da colocación de carteis explicativos das normas que deben cumprirse para evitar a proliferación de incendios.
Fan especial fincapé nas plantacións de eucaliptos que están máis próximas ás vivendas e nas que se detectaron a presenza de moita maleza.
Ademais, na páxina web municipal, no apartado de medio ambiente, os veciños teñen os planos das faixas de prevención de incendios para cada parroquia para que poidan ter unha guía e comprobar en que situación se atopan as súas respectivas parcelas.
Os carteis que se están repartindo informan en base á lei 7/2012 de montes de Galicia onde se recolle explicitamente a obrigatoriedade de eliminar eucaliptos, pinos, mimosas e acacias a 10 metros dende o límite do dominio público das vías (autoestradas, autovías, corredores, vías rápidas e estradas convencionais) ou do ferrocarril.
Tamén se recorda que hai que xestionar a maleza nas fincas a través da eliminación de xestas, toxos, silveiras e a retirada do arborado das especies anteriormente citadas; ou que se deben limpar os predios situados nunha franxa perimetral de 50 metros ao redor de edificacións, vivendas illadas e urbanizacións emprazadas a menos de 400 metros de terreo de monte.
Os propietarios que desatendan esta obriga poderán enfrontarse á incoación dun expediente sancionador que podería provocar a imposición de multas de entre 1.000 e 10.000 euros e, ademais, o Concello podería encargarse da execución subsidiaria e forzosa dos traballos de roza repercutindo posteriormente o custo ao propietario.
No caso de parcelas con dono descoñecido, poderá executarse unha expropiación forzosa sempre que o prezo, fixado polo valor catastral, sexa inferior ao da limpeza. Ademais, en caso de lume forestal, poderán repercutirse os gastos de extinción do mesmo ás persoas responsables de non atender á obriga de limpeza e xestión da biomasa forestal nas súas propiedades e polo incumprimento das distancias mínimas.
Relacionadas:
-
O Concello de Cerdedo-Cotobade activará dúas brigadas e un camión motobomba para a prevención e extinción de incendios
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade pide á poboación que limpe fincas e franxas de protección para evitar incendios
Por Redacción |
-
87.000 euros investidos nos montes de Viascón para fomentar as especies frondosas fronte os eucaliptos
Por Redacción |