Falece Faustino Laya, histórico político, sindicalista e activista veciñal de Vilagarcía
Por Redacción
Vilagarcía está de loito. Este xoves faleceu o histórico militante socialista de Vilagarcía, ex secretario comarcal do sindicato UXT e activista do movemento veciñal Faustino Laya Torreiro.
Laya foi membro da primeira Corporación Municipal da Democracia e concelleiro do goberno presidido por José Recuna Villaverde e é pai da actual concelleira de Sanidade de Vilagarcía, Matilde Laya.
O seu falecemento este xoves deixou "un profundo pesar" no goberno local de Vilagarcía, que traslada o seu pesar á familia, amigos e achegados dun home do que destacan que sempre foi "entregado ao servizo público" dende a acción política, a sindical e o movemento veciñal.
Laya Torreiro foi un dos primeiros militantes do PSOE en Vilagarcía e desempeñou unha intensa acción sindical en UXT, chegando a ser o secretario comarcal do sindicato en Arousa.
Todas estas labores as compatibilizaba co activismo veciñal ao fronte da asociación de Trabanca Badiña, a parroquia na que residía, e nos últimos anos chegou a formar parte tamén do Consello Local da Terceira Idade.