O BNG de Cerdedo Cotobade esixe melloras na seguridade viaria na contorna do centro cultural Nélida Piñón
Por Redacción
O BNG de Cerdedo-Cotobade pide ao Concello que realice as xestións oportunas para conseguir melloras na seguridade viaria na estrada que atravesa o núcleo de Borela. O portavoz do Bloque, Ernesto Filgueira, fai especial fincapé nos problemas na contorna do centro cultural Nélida Piñón, un espazo de encontro veciñal polo que os vehículos pasan a gran velocidade.
"A veciñanza teme que se poida producir unha fatalidade debido á grande velocidade pola que circulan algúns vehículos nesta estrada. É urxente que o alcalde cumpra coa súa palabra e faga as xestións oportunas diante da administración competente para dar cumprimento ás medidas aprobadas na moción presentada en novembro de 2019 polo BNG e aprobada por unanimidade no pleno", sosteñen desde o partido.
O portavoz nacionalista xa defendera nun pleno no 2019 a necesidade de mellorar o trazado e a seguridade viaria na EP-0407 ao seu paso por Borela, así como a construción dun carril bici e peonil paralelo á calzada, desde a PO-233 ata o camiño que conduce ao lugar da Graña.
Nesa mesma moción demandaban beirarrúas e beiravías así como maior seguridade viaria na contorna do centro cultural a través da colocación de redutores de velocidade e sinais.
“Hai ano e medio que o pleno aprobou por unanimidade unha proposta do BNG para mellorar a seguranza viaria nesta zona, un tempo máis que suficiente para que se empece a abordar unha solución", esixe Filgueira.