O 8 de outubro, data prevista para o inicio das obras de peonalización de Benito Corbal
Por Alejandro Espiño
Xa hai data para o inicio dos traballos de peonalización de Benito Corbal. Será o martes 8 de outubro. A partir dese día pecharase a rúa ao tráfico de forma definitiva. Así o asegurou o concelleiro delegado da área urbana, Luis Bará, no encontro que mantivo na tarde deste luns con veciños e comerciantes da zona para informarlles dos detalles e prazos desta próxima peonalización.
Nesta xuntanza, celebrada no colexio Álvarez Limeses, Luis Bará informou que a obra comezará polo cruzamento de Benito Corbal con Sagasta o vindeiro 8 de outubro, o que obrigará a pechar o tráfico definitivamente na rúa a partir desa data. Esta é a previsión coa que traballa a empresa adxudicataria, EC Casas, logo dos acordos acadados cos técnicos municipais e a Policía Local.
Dende ese momento invertiranse os sentidos de circulación nas rúas Cruz Gallástegui, Castelao e Daniel de la Sota, como se informara previamente. En todo caso, o Concello de Pontevedra comezará nos próximos días a repartir polos portais da rúa toda a información sobre esta reordenación de accesos, algo que irá facendo gradualmente a medida que vaian avanzando estes traballos.
O concelleiro informou aos veciños e comerciantes do desenvolvemento da obra, de que se autorizará o paso a residentes, carga e descarga, urxencias e demais servizos; así de como quedarán os novos sentidos de circulación, a situación da parada de taxis ou do autobús escolar, e outros pormenores derivados da peonalización de Benito Corbal.
As principais preocupacións dos veciños, expresadas nesa xuntanza, ían no sentido de aclarar dúbidas sobre esta nova ordenación de tráfico e sobre as fases de execución da obra e como estas poderían afectar ás entradas e saídas dos garaxes. Bará afirmou que "loxicamente" haberá restricións puntuais "en determinadas horas", pero garantiulles que estes traballos serán compatibles coa actividade comercial.
"Produciranse molestias, como en todo tipo de obras", recoñeceu o concelleiro, que pediu a veciños e comerciantes "comprensión e colaboración", ao entender que as presas e a presión aos operarios que executan estes traballos "van en contra de que a obra se faga ben". Os detalles destes traballos foron explicados por Mauricio Rodríguez, representante da empresa EC Casas, que tamén estivo presente nesta xuntanza.
Outra das queixas dos residentes foi a eliminación dos aparcamentos en superficie que había no treito que será peonalizado. Un deles chegou a pedir que se repartiran tarxetas de residentes como no centro histórico para que os veciños puidesen aparcar na zona, unha opción desbotada polo goberno local. "Non se fixo en ningunha outra zona do centro como Riestra ou Gutiérrez Mellado nas que se adoptou unha solución similar", apuntou Bará.
Ata o de agora realizáronse traballos previos en rúas da contorna como Castelao, Cruz Gallástegui e Blanco Porto, co obxectivo de recortar os saíntes das beirrarúas para canalizar a circulación de Benito Corbal por todas elas. Estes traballos, segundo o concelleiro nacionalista, desenvólvense a bo ritmo o que permitirá que o día 8 de outubro poida comezar a obra principal.
Relacionadas:
-
Benito Corbal xa está cortada ao tráfico para iniciar a súa peonalización
Por Diego Torrado |
-
A Policía Local prevé atascos polas obras de Benito Corbal
Por Redacción |
-
A peonalización de Benito Corbal comezará na súa confluencia con Sagasta, fronte a Zara
Por Redacción |
-
Comezan os traballos previos á peonalización de Benito Corbal
Por Redacción |
-
ÿltimos días para circular en coche por Benito Corbal
Por Redacción |