Concentración para reclamar un Sistema Público Galego de Servizos para as persoas máis vulnerables
Por Redacción
O sindicato CIG protagonizou este xoves concentracións nas principais cidades de Galicia para reclamar a creación dun Sistema Público Galego de Servizos. En Pontevedra, representantes sindicais concentrábanse na Praza da Peregrina mentres que en Vilagarcía de Arousa, a acción desenvolveuse na Praza de Galicia co berro de "non faltan cartos, sobran ladróns".
Estas protestas englóbanse na campaña que se atopa na recta final para presentar sinaturas solicitando este sistema de prestación asistencial no Parlamento de Galicia. Denuncian que o goberno do Partido Popular na Xunta mantén unha política na que desmantela e privatiza os centros asistenciais como os de atención á terceira idade, centros de Día ou de Atención á Diversidade coa intención de facer un negocio destes servizos.
Co Sistema Público Galego de Servizos queren que se integren todo este tipo de espazos para garantir a calidade asistencial e dignificar as condicións laborais. Entenden que a pandemia deixou ao descuberto a debilidade dos servizos públicos de atención social e de coidados con carencias tanto de persoal como de material, falta de protocolos homoxéneos de funcionamento e abusos patronais con situacións de explotación laboral.
Demandan un sistema único que protexa ás persoas vulnerables, por discapacidade ou dependencia, de maneira que as competencias sexan asumidas directamente pola Xunta de Galicia, sobre todo ante o aumento constante da poboación maior debido á crise demográfica que se experimenta na comunidade.
Tamén reclaman que esta fórmula contemple a creación por parte da administración pública dos postos e prazas necesarias, reguladas mediante convocatorias públicas, para garantir a prestación destes servizos.
Relacionadas:
-
Pensionistas da CIG demandan un aumento de prazas públicas en Centros de Día e Residencias
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A CIG toma as rúas de Pontevedra para demandar "unha saída galega xusta da crise"
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
A CIG mobilízase nas cidades de Galicia pola subida das pensións
Por Redacción |