O deterioro do parque natural de Cotorredondo chega ao Parlamento galego
Por Redacción
A deputada do grupo parlamentario socialista Leticia Gallego presentou ao Goberno local a iniciativa presentada ante a Mesa do Parlamento galego para instar á Xunta a asumir a súa responsabilidade na conservación do parque natural de Cotorredondo e o lago de Castiñeiras.
A proposta partiu do goberno socialista de Vilaboa "ante o abandono do entorno e a mala imaxe que proxecta do municipio" nas persoas que escollen este entorno para disfrutar da natureza.
A propiedade do parque é da Xunta de Galicia e os convenios de cesión de uso coas dúas comunidades de Montes de Vilaboa e Santa Cristina caducaron pola falla de cumprimento dos compromisos por parte do goberno autonómico.
O grupo parlamentario socialista preguntará no Parlamento si a Xunta ten pensado realizar un proxecto de recuperación do miradoiro de Cotorredondo e do entorno do lago de Castiñeiras, co acondicionamento dos accesos, a mellora e instalación de valados e a posta en valor do parque. Formulará tamén a iniciativa como proposición non de lei para que o Parlamento inste á Xunta a realizar o proxecto.
Os socialistas xa tentaron incluír unha actuación global sobre o parque nos orzamentos autonómicos para 2021 pero foi rexeitada polo Partido Popular polo que o goberno de Vilaboa recurriu ao seu grupo parlamentario para "urxir unha solución ao deterioro dun entorno de gran riqueza ambiental, con varias áreas recreativas, sendeiros e unha acrópole megalítica, a de Chan de Castiñeiras".
O parque ten unhas 70 hectáreas de superficie repoboadas con castiñeiros, bidueiros, carballos americanos e outras especies exóticas. O parque constitúe unha importante área de refuxio e reprodución para moitas especies de animais salvaxes. "Pero os valados están estragados", segundo recordan César Poza, alcalde de Vilaboa e Leticia Gallego, deputada do PSdG-PSOE.
"A sinalización é inexistente e a estrutura do mirador está en situación ruinosa. O seu deterioro é moi grave, tanto no que atinxe a conservación das estradas como das instalacións. Por outra banda, as mámoas e os paneis informativos non teñen ningún mantemento", conclúen.