A Lama quere comunicar Xesta e Verducido cunha nova ponte
Por Redacción
Unha ponte sobre o río Oitavén que permita unir as parroquias de Xesta e Verducido pola zona de Liñares. É o proxecto que o Concello da Lama presentou á Xunta de Galicia na busca do financiamento que se necesita para abordalo.
Esta ponte, segundo o goberno municipal, axudaría a vertebrar o municipio, permitir unha mellor comunicación interior e evitar o paso de vehículos agrícolas polo viaduto medieval de Liñares, que precisa dunha conservación para a que en nada favorece o paso deste tipo de maquinaria.
O obxectivo sería a construción dunha ponte pequena que permitira o paso de vehículos agrícolas entre ambas as dúas beiras do río, que evitaría que se tivera que utilizar de xeito excesivo este histórico viaduto medieval.
Agora, ter que usar esa ponte de Liñares supón unha volta excesiva para os donos de propiedades dunha e doutra beira do río, polo que A Lama cre necesario artellar unha solución de paso segura e apropiada para o tráfico deste tipo de vehículos.
O conselleiro de Medio Rural, José González, comprometeuse a estudar a proposta e a buscar a colaboración doutros departamentos da administración autonómica para poder afrontar con garantías este proxecto que deberá contar co respaldo dos comuneiros de Verducido e Xesta.
Isto é debido é que a súa axuda é imprescindible para poder habilitar en condicións as respectivas pistas que favorezan a comunicación entre as dúas parroquias.
Nas proximidades do lugar proposto para a construción da nova ponte se atopa tamén unha vella pontella que sufre derrubes periódicos pola acción das fortes enchentes que experimenta o río Xesta-Oitavén coas choivas no inverno polo que o viaduto permitiría ter un paso seguro durante todo o ano para ser usado con tranquilidade pola veciñanza, gandeiros ou visitantes.