O Ateneo Santa Cecilia entrega os premios aos maios e ás embarcacións
Por Redacción
Este martes celebrouse a entrega de premios do tradicional Concurso de Maios e Embarcacións convocado polo Ateneo Santa Cecilia e patrocinado polo Concello de Marin.
Ainda en circunstancias tan adversas e con restricións de mobilidade e reunión, os colexios e as asociacións do municipio presentaron 13 traballos (9 maios e 4 embarcacións).
Dende o Ateneo destacaron "o enorme traballo realizado a pesares das dificultades", e tamén "a implicación" de todos os participantes dos CEIP A Laxe, O Carballal, O Sequelo, Ardán, EEI Nosa Señora Do Carmen, CPR Plurilingüe San Narciso , e das asociacións "Amigos dos Rapaces" "Pérez Crespo de Mogor", "Landeiras e "Os da Caña", no afán de manter as nosas tradicións.
O xurado, formado por membros do Ateneo e do Concello de Marin, visitou cada un dos colexios e locais onde se elaboraron os traballos, "quedando tan impresionados polos mesmos que, en reunión posterior ás visitas, acordou condeder os premios ex aequo xa que resulta imposible destacar uns traballos sobre outros. Todos son excelentes e todos merecerían o primeiro premio".
Tamen se acordou que os traballos se expoñan no Multiusos da Praza de Abastos de Marín para que todos aqueles que o desexen poidan admirar estas obras de arte natural e floral, así como as embarcacións, (reproducións de modelos de barcos tradicionais).
Moitos centros de ensino elaboraron uns maios en miniatura que están expostos no Museo xunto cos da artista local Cristina Barreiro, esta mostra amplíase unha semana máis.